Información sobre o programa de Garantía Xuvenil en máis de medio cento de localidades galegas

A Xunta achegará información sobre o programa de Garantía Xuvenil en máis de medio cento de localidades galegas.

  • Unha aula móbil desprazarase a partir do venres por máis de vinte concellos para aproximar este programa ao maior número posible de beneficiarios
  • Haberá charlas informativas en medio cento de municipios, onde técnicos de emprego informarán aos interesados sobre orientación laboral, obradoiros, vantaxes na contratación e emprendemento
  • O proxecto está dirixido a mozos e mozas de entre 16 e 29 anos que actualmente non estean traballando nin recibindo formación
  • O obxectivo é que os participantes no programa poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados

foto_2O programa de Garantía Xuvenil, que coordina a Consellería de Economía, Emprego e Industria e que está dirixido a persoas de entre 16 e 29 anos que actualmente non estean traballando nin recibindo educación ou formación, porá en marcha esta semana unha campaña que chegará a máis de medio cento de localidades galegas durante os vindeiros meses para informar sobre as oportunidades de emprego destinadas aos mozos e mozas menores de 30 anos.

Para achegar este programa ao maior número posible de potenciais beneficiarios, unha aula móbil percorrerá ata final deste ano máis de vinte municipios das catro provincias galegas. A primeira parada será os vindeiros días 16 e 17 de outubro en Vigo na feira Empregalia que se vai celebrar na Estación Marítima de Vigo. Tamén se ofrecerán charlas informativas en máis de medio cento de concellos. As dúas iniciativas serán de libre acceso e contarán coa presenza continua de dous técnicos orientadores de emprego.

O obxectivo do programa de Garantía Xuvenil é que os participantes poidan recibir unha oferta de emprego, de educación continua, formación de aprendiz ou acceder a un período de prácticas nun prazo de catro meses despois de acabar a educación formal ou quedar desempregados. Para acadar este fin, o programa de Garantía Xuvenil vertébrase en catro eixos: mellora da intermediación (servizo de orientación e información laboral), mellora da empregabilidade (obradoiros de emprego, prácticas non laborais en empresas), estímulos á contratación (bonificacións e incentivos a empresarios que contraten a mozos e mozas inscritos no sistema nacional de Garantía Xuvenil) e fomento do emprendemento (axudas á creación de empresas propias e cooperativas).

Para máis información, pódese visitar o sitio web do programa de Garantía Xuvenil (garantiaxuvenil.xunta.es), así como os perfís habilitados en Facebook e Twitter.

También te podría gustar...