Industria agroalimentaria de Ourense: 92 millóns de superávit
- 92 millóns de superávit na industria agroalimentaria de Ourense, clave na economía provincial
- O sector move a quinta parte das exportacións totais da provincia e supera os 150 millóns de euros en volume de negocio exterior
- A suma da agroalimentación e da elaboración de bebidas sostén máis da cuarta parte (27,3%) de todo o sector industrial da provincia, con máis de 3.200 postos de traballo, o que fai que, coas achegas do sector agrícola e da silvicultura, se eleven a 8.330 empregos
- «A análise deste sector anticipa a nova traxectoria do Observatorio Económico Ourensán da Deputación, que o vindeiro mes de outubro estrea un novo formato como plataforma web multilingüe para mellor aproveitamento dos contidos», afirma Manuel Baltar
A industria agroalimentaria da provincia de Ourense xera 92 millóns de euros de superávit comercial, significándose como actividade clave da economía ourensá. Así o reflicte o último estudo do Observatorio Económico Ourensán, unha ferramenta que a Deputación de Ourense desenvolve para a análise económica, laboral, empresarial e social da situación económica da provincia nas súas comarcas. O Observatorio nace da implicación das institucións (Deputación e Inorde), a universidade e o ámbito empresarial, e na súa elaboración intervén un equipo multidisciplinar de profesionais e universitarios especializados.
O último informe do Observatorio analiza o sector agroalimentario e reflicte que este sector move a quinta parte das exportacións totais da provincia de Ourense e supera os 150 millóns de euros en volume de negocio exterior. A suma da agroalimentación e da elaboración de bebidas sostén máis da cuarta parte (27,3%) de todo o sector industrial da provincia con máis de 3.200 postos de traballo, o que fai que, coas achegas do sector agrícola e da silvicultura, se eleven a 8.330 empregos.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar afirma que a análise deste sector «anticipa a nova traxectoria do Observatorio Económico Ourensán, que o vindeiro mes de outubro estrea un novo formato como plataforma web multilingüe, para mellor aproveitamento dos contidos».
Segundo o estudo, o sector agroalimentario ourensán atópase «en plena fase expansiva» e está a reforzar o seu rol como «actividade básica, estratéxica e avanzada». Estas concusións baséanse no no superávit comercial que xera na provincia (92 millóns de euros); na dimensión que ten sobre o conxunto do comercio exterior ourensán (153,15 millóns de euros, incluíndo o sector agrícola e a silvicultura, cifra equivalente ao 20% das exportacións totais de Ourense e ao 6% das galegas); na contribución á creación e ao mantemento de emprego (8.330 postos de traballo), e no voluminoso censo de empresas (587, o que significa que impulsa o 27,3% do sector industrial da provincia).
A primeira xanela gráfica sobre os sectores chave da economía ourensá resume nun único documento os datos máis relevantes do sector agroalimentario. O Observatorio da Deputación de Ourense vincula a puxanza da industria alimentaria ás magnitudes logradas no ámbito económico e laboral e tamén á capacidade para non deterse nos anos da crise económica (creou un 13,6% de emprego entre xullo de 2009 e o mesmo mes de 2016, a dobre velocidade que a media galega, limitada ao 6,3%).
Segundo os últimos datos dispoñibles, a industria agroalimentaria e a elaboración de bebidas son a ocupación de 3.267 traballadores na provincia. Pero a dimensión laboral multiplícase ao engadirlle as afiliacións da agricultura e as da silvicultura, que coas anteriores (agroalimentación e bebidas) dan como resultado 8.334 postos de traballo, o 8,2% das afiliacións totais da provincia de Ourense.
Gran motor e forte especialización
O sector, no que o sistema produtivo ourensán aporta unha de cada cinco empresas galegas -cando a contribución media da provincia no conxunto da economía é do 10%-, está a ser un dos grandes motores do comercio exterior, do mercado laboral e da actividade empresarial.
Unha das trazas da industria agroalimentaria ourensá é a forte especialización e a moi elevada concentración. O 74% das empresas teñen como foco de negocio a fabricación de produtos de panadería e pastas alimenticias. Para visualizar o seguinte chanzo hai que descender ata o 13% de representatividade que acadan as industrias de procesamento, elaboración ou conservación de produtos cárnicos.
A compoñente estratéxica do sector agroalimentario queda retratada no peso relativo que ten sobre o conxunto da industria. En dúas comarcas, Terra de Trives e Terra de Caldelas, mesmo se achega ao 70%; en outra (A Baixa Limia) anda preto do 60%; e en dúas máis (O Ribeiro e Viana) case representa a metade de todo o sector industrial. Ourense é claramente o territorio galego no que a agroalimentación pondera máis sobre a totalidade da industria, tal e como se reflicte no dato de que son ourensás sete das doce comarcas galegas con maior proporción de empresas alimentarias e de bebidas.
A primeira infografía sobre o sector agroalimentario da provincia (xúntase coa documentación), abre a secuencia de presentacións visuais sobre as actividades chave da economía ourensá; á que se engadirá a posta en funcionamento, no próximo mes de Outubro, da plataforma web anteriormente mencionada.