Inaugurada a mostra «A esfera da auga»

A Deputación de Ourense participa na mostra A esfera da auga

A Deputación de Ourense participa na mostra A esfera da auga

 

A inauguración da mostra «A esfera da auga», organiza polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e Aqualogy, tivo lugar esta mañá no Edificio Politécnico do Campus de Ourense, dando comezo así ás actividades que se desenvolverán con motivo da celebración, o día 22 de marzo, do Día Mundial da Auga. No acto participou a deputada provincial, Montserrat Lama; o vicerreitor do campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, e a concelleira de Cultura do Concello de Ourense, Belén Iglesias.

O Día Internacional da Auga é unha data que pretende concienciar ás persoas da importancia da auga doce e ao mesmo tempo promover a sustentabilidade da xestión deste recurso. Cada ano, o Día Mundial da Auga destaca un aspecto específico de auga doce e, este ano baixo o lema «Auga e postos de traballo», constitúe unha importante oportunidade para consolidar e salientar o papel da auga na axenda de desenvolvemento sostible.

De acordo coa importancia que ten a auga no desenvolvemento das sociedades, Montserrat Lama destacou que «a protección do medio ambiente é un obxectivo primordial para todos os cidadáns do mundo e, en especial, o recurso hídrico é o de maior importancia, pois aínda que o 71 % da superficie terrestre está cuberta de auga, tan só o 2 % é potable», e engadiu: «É moi importante a concienciación de todos para conservar este ben natural e ser coñecedores do que debemos e non debemos facer». E rematou sinalando que todos debemos ser quen de coidar, protexer e soster o medio ambiente».

Segundo explicou o profesor Eugenio López durante o percorrido pola exposición, A esfera da auga introduce ao visitante no amplo mundo da auga, desde as súas propiedades químicas ata o seu papel na historia. «O obxectivo dos paneis é ofrecer unha visión o máis global e panorámica posible da auga, desde a súa estrutura química ao seu papel na cultura», indicou o docente. A exposición, que estará durante dúas semanas no campus, está dividida en dous grandes bloques. O primeiro, titulado Auga e natureza, céntrase no ciclo hidrolóxico a súa relación co clima e os ecosistemas. O segundo, Auga e sociedade, aborda a influencia do ser humano no ciclo natural da auga, a súa contaminación e as solucións para o acceso á auga potable, sen esquecer a relación deste elemento coa historia, a saúde e a tecnoloxía, entre outras cuestións. Deste xeito, os paneis, alén de describir as características deste elemento, a través de imaxes acompañadas de texto ofrecen información didáctica e amena sobre a relación da auga co clima, cos riscos naturais, co dereito, coa contaminación, coa saúde, coa agricultura, coa cultura, coa evolución histórica e social e co territorio. «Coa súa exhibición no campus sumámonos ao obxectivo de sensibilizar sobre a importancia de facer un uso sostible deste recurso. É a nosa responsabilidade como cidadáns coñecer as consecuencias dos nosos actos no medio ambiente», recalcou López.

As actividades en torno ao Día Mundial da Auga comezan hoxe, 15 de marzo e prolongaranse ata o 31 de marzo, entre as que se atopan o contacontos «O pescador de Contos», dirixida a escolares, que terá lugar o 22 de marzo na Aula da Natureza do río Miño no paseo fluvial de Oira. Con motivo desta celebración a piscina termal «As Burgas» estará aberta ata as 23.00 horas do 22 ao 26 de marzo na Estación termal das Burgas. A programación inclúe tamén unhas xornadas de portas abertas ao Campus de Ourense – Campus da Auga, dirixida a escolares, especialmente da ESO e Bacharelato, que se desenvolverá o 29 de marzo no Salón de Actos Marie Curie no Edificio Politécnico do Campus de Ourense. Ese mesmo día esta prevista unha visita á zona termal, unha actividade para escolares que poderán gozar de baño e visita á zona termal de Outariz e Burgas de Canedo. Asemade terá lugar unha visita guiada ao Centro de Interpretación das Burgas, outra das actividades dirixidas a escolares para o 30 e 31 de marzo.

Por outra banda, convocouse un concurso fotográfico «Auga e dereitos humanos», no que poden participar os escolares con obras nas que combinen unha imaxe e un relato baseadas na auga e os dereitos humanos.

También te podría gustar...