Inaugurada a décima edición de Galisenior, o Salón Internacional das Persoas Maiores
- Díaz Mouteira destaca o compromiso do Goberno galego para favorecer un envellecemento activo, autónomo e saudable
- A delegada territorial da Xunta en Ourense participou hoxe na inauguración da décima edición da feira Galisenior
- Lembrou que a Xunta está a traballar na Estratexia Galega de Envellecemento Activo dende a Innovación 2016-2020
A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participou esta mañá na inauguración da décima edición de Galisenior, o Salón Internacional das Persoas Maiores, que durante dous días se celebra en Expourense e que centra as súas actividades na prevención das situacións de fraxilidade nas persoas maiores.
Díaz Mouteira puxo en valor a feira Galisenior que conta cun total de 59 expositores e que constitúe un espazo para o intercambio de experiencias entre todos os axentes sociais galegos, públicos e privados, relacionados co sector do maior. “Este evento converte á cidade de Ourense por uns días no referente estatal da xerontoloxía”, asegurou.
Marisol Díaz asegurou que os maiores galegos son “peza esencial” para a Xunta de Galicia e comprometeu o traballo do Goberno autonómico para favorecer o envellecemento activo. “Estamos a traballar para outorgar os nosos maiores as ferramentas necesarias para para acadar un envellecemento activo, autónomo e saudable”, asegurou. Así, a delegada territorial referiuse á elaboración do novo marco de planificación na área de maiores que está a realizar a Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade.
A Estratexia Galega de Envellecemento Activo dende a Innovación 2016-2020 xurde coa vontade de dar resposta ás demandas e necesidades derivadas do incremento da esperanza de vida media na nosa Comunidade Autónoma. Ademais, este marco de actuación reforza o compromiso co envellecemento activo e o benestar das persoas maiores en Galicia atendendo ademais a principios de actuación transversais como a discapacidade, a contorna rural e tamén a perspectiva de xénero, tanto dos maiores como das persoas con discapacidade, dous colectivos prioritarios para o Goberno galego.