Importantes obras de mellora no firme da rúa Costa da Pena e no alumeado da senda peonil dos Loureiros en Monforte

  • Dende a vindeira semana, levaranse a cabo importantes actuacións de mellora tanto na rúa Costa da Pena coma no Paseo dos Loureiros, obras que contan co apoio da Deputación Provincial de Lugo.
  • O Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e a 1ª Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada, asinaron un convenio de colaboración mediante o cal procederase á renovación do alumeado da senda peonil dos Loureiros e do pavimento da rúa Costa da Pena.
  • As actuacións na rúa Costa da Pena consistirán na renovación do seu pavimento e sinalizacións, así como a mellora da seguridade vial e accesibilidade, e a adecuación da súa rede de saneamento de augas pluviais. Para elo destinarase unha partida de 48.361,33 euros, dos que a Deputación Provincial achegará o 87%, 42.075 € e o Concello o 13% restante, 6.286,33 €.
  • No caso do Paseo dos Loureiros, acometerase a renovación das instalacións de alumeado exterior desta senda peonil, grazas a unha inversión de 23.595 euros, dos cales o 86,7%, 20.466,40 €, serán achegados pola Deputación, mentres que o Concello aportará 3.128,60, o 13,3%.
  • Para ambas obras, dado que os seus emprazamentos, Costa da Pena e Paseo dos Loureiros, ubicanse no casco histórico da cidade, o Concello xestionou e obtivo os correspondentes permisos con Patrimonio. Do mesmo xeito, a obra da parte inicial da rúa Costa da Pena contará con control arqueolóxico, mediante o cal un arqueólogo supervisará o desenvolvemento das obras, por se aparecese algún resto histórico, e co obxectivo de darlle a solución axeitada.
  • Con estas actuacións o Equipo de Goberno segue a mellorar as diferentes infraestruturas viarias da cidade, a fin de proporcionar uns mellores servizos os seus veciños e veciñas.

 

 

O Concello de Monforte levará a cabo importantes obras de mellora no firme da rúa Costa da Pena e no alumeado da senda peonil dos Loureiros, que se ubica no entorno do conxunto de San Vicente.  A previsión é que as obras den comezo ó longo da próxima semana.

Ambas actuacións suporán unha inversión de 71.956,33 euros e contarán co apoio da Deputación de Lugo, grazas o convenio asinado entre o seu Presidente, José Tomé Roca, e a 1ª Tenente de Alcalde do Concello de Monforte, Gloria Prada.

En concreto,  as actuacións que se porán en marcha na rúa Costa da Pena consistirán na renovación do seu pavimento e sinalizacións, así como a mellora da seguridade vial e accesibilidade ós portais das vivendas ubicadas en dita rúa, e a adecuación da súa rede de saneamento de augas pluviais. Para elo destinarase unha partida de 48.361,33 euros, dos que a Deputación Provincial achegará o 87%, 42.075 € e o Concello o 13% restante, 6.286,33 €.

No caso do Paseo dos Loureiros, senda peonil que se ubica na subida ó conxunto de San Vicente, acometerase a renovación das súas instalacións de alumeado exterior, grazas a unha inversión de 23.595 euros, dos cales o 86,7%, 20.466,40 €, serán achegados pola Deputación, mentres que o Concello aportará 3.128,60, o 13,3%.

Neste senso, o Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación, José Tomé Roca, explicou que “os obxectivos que buscamos con estas dúas actuacións, no caso do Paseo dos Loureiros, é mellorar significativamente o seu alumeado actual, nunha zona que enorme importancia turística e de ocio. E no caso da rúa Costa da Pena o proxecto posto en marcha suporá a mellora do pavimento, en dous tramos concretos, na confluencia desta rúa cos Doutor Casares e dende o atrio da igrexa da Régoa ata o encontro co primeiro tramo.

“Con estas actuacións”, indicou o Alcalde, “o Equipo de Goberno segue a mellorar as diferentes infraestruturas viarias da cidade, a fin de proporcionar uns mellores servizos os seus veciños e veciñas”.

Da mesma maneira, para ambas obras, tanto a renovación do pavimento da rúa Costa da Pena como do alumeado do Paseo dos Loureiros, dado que os seus emprazamentos ubícanse no casco histórico da cidade, o Concello xestionou e obtivo os correspondentes permisos con Patrimonio.

Do mesmo xeito, a obra da parte inicial da rúa Costa da Pena contará con control arqueolóxico, mediante o cal un arqueólogo supervisará o desenvolvemento das obras, por se aparecese algún resto histórico, e co obxectivo de darlle a solución axeitada.

  • Melloras no pavimento da rúa Costa da Pena

As obras de mellora que se levarán a cabo na rúa Costa da Pena localízanse en dous tramos diferentes.

 O primeiro dos tramos está situado na confluencia desta rúa coa rúa Doutor Casares, onde o seu pavimento presenta un mal estado de conservación, realizado a base de cantos rodados, adoquíns e formigón, e que está cheo de baches e pedras sueltas. Tamén presenta deficiencias na colocación das tapas das arquetas de acometidas e determinados puntos relativos á evacuación de augas pluviais necesitan ser arranxados.

O segundo dos tramos vai dende o atrio da igrexa da Régoa ata o encontro co primeiro tramo descrito anteriormente. Trátase dunha vía con pouca anchura e forte pendente, que presenta deficiencias na capa de rodadura, con baches, cortes e falta de uniformidade no pavimento.

Deste xeito, sobre o primeiro dos tramos, nunha superficie de 171,65 m2, levaranse a cabo as seguintes obras de mellora:

  • Demolición do pavimento actual, realizado a base de cantos rodados, adoquíns e formigón.
  • Nas zonas en que é necesario, escavación en zanxa para a colocación dun tubo de PVC de 250mm de diámetro para a recollida de augas de superficie e baixantes das edificacións, conectándoo á rede de alcantarillado actual. Tamén se colocarán as arquetas e sumidoiros que sexan necesarios.
  • Renovación do pavimento a través de solera de formigón armado de 15 cm de espesor HA-25/B/lla e malla electosoldada ME20x20 5.5 B500 T 6×2,20 UNE-EN 10080 como armadura de reparto, estendido e vibrado mecánico, con acabado superficial mediante fresadora mecánica.
  • Execución de peldañeo de escaleira con fábrica de ladrillo perforado, con mortero de cemento M-5, sobre solera, como base para a posterior colocación do acabado dos escalóns que permitan ó acceso ós diferentes portais da rúa.
  • Realización de pavimento con pedra de granito de diferentes espesores e tonalidades.
  • Execución de sumidoiros.
  • Remate da beirarrúa con pedra e escalóns de granito.
  • Colocación de bancos.

No segundo dos tramos, analizado o deficiente estado de conservación do seu pavimento, procederase, nun área de actuación de 556,63 m2, á:

  • Limpeza e fresado do pavimento asfáltico existente nos laterais, nos encontros con outras rúas e onde sexa preciso.
  • Levantado de tapas de arquetas, sumidoiros e pozos de rexistro que sexa preciso.
  • Eliminación dos pasos de entradas a garaxes construídos sobre a capa de rodadura.
  • Aplicación dunha capa de rodadura de aglomerado asfáltico tipo D-12 en quente de 4 cm de espesor e rego de adherencia con 1,5 kg/m2 de emulsión asfáltica.
  • Realización da correspondente sinalización horizontal mediante pintura branca reflexiva.

As actuacións na rúa Costa da Pena contan cun prazo de execución de 4 meses, e prevese que den comezo ó longo da próxima semana.

 

  • Renovación de instalacións do alumeado da senda peonil “Paseo dos Loureiros”

O Paseo dos Loureiros ubícase no ascenso cara ó conxunto de San Vicente polo que se trata dunha zona moi céntrica e que ten un gran potencial turístico e de lecer. É un paseo formado con pavimento empedrado cunha anchura media de 3,80 metros.

Esta senda peonil dispón dunha iluminación rasante de tipo baliza que actualmente se atopaba nun estado de deterioro que impedía o normal funcionamento da instalación de iluminación.

Dende o Equipo de Goberno detectouse que debido á esta deficiente iluminación, a zona deixou de ser transitada a certas horas do día, motivo polo cal se considerou necesaria esta obra de mellora.

Polo tanto, o proxecto de mellora lumínica ideado dende o Concello segue as directrices do Regulamento de Eficiencia Enerxética, en concreto para vías de tipo ambiental, como é o caso.

A instalación actual conta con 31 luminarias tipo baliza para iluminación rasante de 36 W de tipo fluorescente, dispostas de maneira unilateral ó longo do camiño, cunha interdistancia media de 8 metros, e non dispón de columnas soporte.

A obra de mellora consistirá na instalación de 16 novas luminarias con tecnoloxía LED de 23,8 W de potencia, modelo iTeka de IGUZZINI. Son luminarias de tipo ornamental e ambiental que substituirán ás actuais de 36 W de tipo fluorescente.

Do mesmo xeito, tamén se colocarán os soportes para estas novas luminarias, que serán 16 postes trococónicos de 4 metros en aceiro galvanizado sobre base de formigón de 0,5×0,5×0,7 m.

Tamén renovarase por completo a totalidade do cableado eléctrico.

Finalmente, as medidas adoptadas polo Concello para mellorar a eficiencia e o aforro enerxético do Paseo dos Loureiros consisten en:

  • Instalación de luminarias LED con rendementos moi elevados (maiores do 70%) e con baixo fluxo do hemisferio superior. Ademais a vida útil das luminarias LED é máis elevada, fronte a outras tecnoloxías.
  • Acendido e apagado das instalacións mediante programador astronómico, o cal permite a optimización do aforro enerxético.
  • E para limitar o resplandor luminoso, seleccionáronse luminarias cun FHSinst inferior ó 1%, moi por debaixo do límite marcado para este tipo de zona, que é do 5%.

También te podría gustar...