Importantes investimentos en instalacións deportivas de Monforte

  • O Alcalde anuncia importantes investimentos en instalacións deportivas municipais por importe de máis de 180.000 euros
  • A previsión do Concello de Monforte é de levar a cabo ditas inversións ó longo deste ano 2022, tanto no Campo Municipal de Fútbol da Pinguela, como no Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas
  • José Tomé Roca, sinala que xa está ultimando, xunto coa Concellería de Deportes, a posta en marcha e execución destes proxectos “que sen dúbida mellorarán significativamente as instalacións e os servizos ofertados por estas dúas instalacións deportivas municipais”
  • O Goberno de José Tomé irá anunciando os detalles de cada actuación unha vez se vaian concretando e licitando os proxectos

 

O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, ven de anunciar importantes investimentos que o Concello ten previsto levar a cabo en dúas importantes instalacións deportivas da cidade, como son o Campo Municipal de Fútbol da Pinguela e o Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas.

En concreto, trátase dun investimento total de máis de 180.000 euros, en concreto, 181.735,79 €, en proxectos “dos que xa estamos ultimando a súa posta en marcha e execución, xunto coa Concellería de Deportes, proxectos que sen dúbida mellorarán significativamente as instalacións e os servizos ofertados por estas dúas instalacións deportivas municipais”, sinala o Alcalde.

 

Campo Municipal de Fútbol da Pinguela

As actuacións que o Concello prevé acometer no Campo Municipal de Fútbol da Pinguela son:

  • A renovación do terreo de xogo do campo, cun investimento de 48.309,25 €.
  • A mellora da iluminación do campo de fútbol e as pistas de atletismo, e a instalación de iluminación nas gradas, por un total de 47.795,00 €.
  • A instalación de vídeo marcador de 9 metros cadrados cun investimento de 23.995,24 €

Polo tanto, a inversión total prevista polo Equipo de Goberno do Concello para o Campo Municipal de Fútbol da Pinguela é de 120.099,49 €.

 

Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas

Polo que respecta ó Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas, o Concello ten previstas as seguintes actuacións.

  • Mellora da iluminación dos campos de fútbol, con cambio a tecnoloxía LED, por un valor estimado de 45.980,00 €.
  • Instalación dun vídeo marcador de 5 metros cadrados cun orzamento estimado de 15.656,30 €.

O investimento total prevista polo Equipo de Goberno do Concello para o Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas é de 61.636,30 €

O Goberno de José Tomé irá anunciando os detalles de cada actuación unha vez se vaian concretando e licitando os proxectos anunciados.

También te podría gustar...