II Ribeira Sacra Cycling Road
- Abertas as inscricións para participar na marcha cicloturista pola Ribeira Sacra
- O Inorde organiza, co apoio de Turismo de Galicia, este evento deportivo que, tralo éxito da pasada edición, volve este 24 de setembro con dous percorridos de 115 e 70 quilómetros
O Inorde organiza, co apoio de Turismo de Galicia, a segunda edición da marcha cicloturista pola Ribeira Sacra tralo éxito logrado o ano pasado na súa estrea. A proba, de carácter non competitivo, celebrarase o vindeiro 24 de setembro, coa saída a partir das 9.30 horas, na localidade de Luíntra, no Concello de Nogueira de Ramuín.
Os interesados en sumarse a esta espectacular proba que transita por un dos lugares máis icónicos da provincia de Ourense, poderán escoller entre o percorrido de gran fondo de 115 quilómetros e de +2.800 metros de desnivel, e o minifondo de 70 quilómetros cun desnivel de +1.700 metros. A “Ribeira Sacra Cycling Road” contará cun tramo cronometrado con circulación libre que incluirá a última subida, e outorgarase un premio especial aos tres primeiros e primeiras de dito tramo.
O padriño oficial desta segunda edición da proba será o exciclista profesional que conseguiu subir 3 veces ao podio do Tour de Francia, Joseba Beloki, unha oportunidade única para rodar con el polas paraxes da Ribeira Sacra, o vindeiro 24 de setembro.
Este evento deportivo contribúe a promocionar os recursos naturais, paisaxísticos e patrimoniais desta zona a través do deporte, así como a promover o cicloturismo na nosa provincia que presenta unhas condicións idóneas para esta disciplina deportiva. Tralo éxito logrado o ano pasado ao participar na mesma unha alta porcentaxe de persoas de fóra de Galicia, chega a segunda edición coa intención de lograr superar as cifras do ano pasado, continuar a dinamizar a economía local dos municipios que atravesa esta proba cicloturista, e a amosar a riqueza dos recursos que engloba a marca turística “Ourense xenuína”.
Os interesados en participar na proba poden inscribirse a través do seguinte enlace: www.aribeirasacra.com