I Encontro de Fotografía «Trevinca Starlight» que «permitirá entender o rural de A Veiga e mostrar a riqueza paisaxística do municipio»

  • A Veiga acollerá o I Encontro de Fotografía «Trevinca Starlight»
  • Esta cita formativa que terá lugar do 30 de setembro ao 2 de outubro, prográmase como un campo de traballo creativo fotográfico
Fernando Rey, Eva Díez, Rosendo Fernández e Juan Anta

Fernando Rey, Eva Díez, Rosendo Fernández e Juan Anta

A Veiga acollerá, do 30 de setembro ao 2 de outubro, o I Encontro de Fotografía «Trevinca Starlight», programado como un campo de traballo creativo onde se cohesionan diferentes maneiras de ver a fotografía de paisaxe no seu concepto máis amplo. A presentación desta iniciativa formativa tivo lugar onte no Pazo Provincial da Deputación de Ourense, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde do Concello de A Veiga, Juan Anta; e os fotógrafos, Eva Díez e Fernando Rey.

Rosendo Fernández lembrou que A Veiga é «un municipio turístico dos máis extensos de Galicia no que se atopa Pena Trevinca, declarada Destino Turístico con certificación Starlight, pola súa excelente visibilidade do ceo estrelado nocturno», e engadiu, «neste contexto, ofrece unha oferta formativa para avanzar no mundo da fotografía, ofrecendo calidade experiencial de traballar en proxectos xunto a grandes profesionais».

«Todo elo no Concello de A Veiga, onde dende hai un tempo se iniciou un programa de potenciación e dinamización da riqueza paisaxística e cultural da zona, en base ao turismo como factor revitalizador», sinalou o vicepresidente da Deputación de Ourense.

Eva Díez, quen explicou a programación prevista para eses días, dixo que este encontro «pretende que cada participante desenvolva a súa imaxe neste entorno co seu propio estilo, aplicando todas as técnicas que imos a dar, as cales serán: por un lado, Fernando Rey explicará a parte técnica da paisaxe; Óscar Blanco, encargarase da parte de fotografía nocturna; e eu, explicarei as cuestións relativas á fotografía de natureza desde un punto de vista máis simbólico e desde a emoción».

«Este Encontro permitirá entender mellor o rural de A Veiga, e tamén mostrar a riqueza paisaxística do municipio, que nós reivindicamos como un dos referentes turísticos de Galicia», salientou Juan Anta.

As actividades desta iniciativa formativa comezan o venres, 30 de setembro, ás 18.00 horas, coa recepción aos participantes e posteriormente, desenvolveranse as clases teóricas sobre a paisaxe no arte, e a técnica da paisaxe, finalizando a primeira xornada cunha cea de confraternidade. Ao día seguinte, as actividades comezan ás 7.00 horas cun taller práctico ao amencer, e ás 10.30 horas celebrarase outro taller sobre a paisaxe natural. Pola tarde, ás 16.00 horas, será a quenda para unha clase teórica sobre a técnica da paisaxe nocturna, e remataría con dous talleres prácticos sobre o atardecer e a fotografía nocturna. Por último, o domingo, 2 de outubro, daranse cita ás 10.30 horas para extraer as conclusións finais do campo de traballo e cerrará o encontro unha comida de clausura.

O prezo da inscrición do curso é «de 300 euros no que se inclúe todo», afirmou Juan Anta.

Paralelamente, realizarase o I Concurso de Fotografía Destino Turístico «Starlight Trevinca» tendo en conta que «cada vez son máis as persoas que visitan o municipio de A Veiga e o destino Starlight de Pena Trevinca, na procura dunha fotografía da Vía Láctea ou dunha paisaxe distinta», dixo Fernando Rey.

A temática do concurso é «a paisaxe de A Veiga en xeral, tanto desde o seu aspecto natural como desde o seu aspecto persoal. As fotografías poderán presentarse a partir da semana que vén ata o 15 de outubro de 2016», asegurou Fernando Rey.

As fotografías deberán estar tomadas no ano 2016, podendo presentar cada participante un máximo de tres imaxes. «Os premios serán de 400 euros para o primeiro, de 250 euros para o segundo, e de 100 euros para o terceiro posto. Asemade hai un premio que será para unha fotografía referente ao «Starlight» que terá un suplemento de 150 euros. Todas as fotografías presentadas serán cedidas, polo menos unha copia delas, ao concello porque queremos cederllas a todos os hostaleiros do municipio, para que a xente cando vaia a algún destes establecementos, poida ver xa imaxes de Trevinca», dixo o alcalde de A Veiga.

 

También te podría gustar...