Hoxe dá comezo na fortaleza de Monterrei o programa de actividades ‘Vive o castelo’ promovido por Turismo de Galicia

image_gallery (2)

 

Turismo de Galicia pon en marcha a partir de hoxe o programa ‘Vive o castelo’ na fortaleza de Monterrei.

Trátase dun conxunto de actividades lúdico-culturais que se desenvolverán co obxecto de dinamizar a contorna do Castelo de Monterrei de xeito que o propio edificio e os espectáculos programados amplíen a oferta turística deste territorio, onde destaca o Camiño de Santiago, a oferta asociada ao turismo de saúde e o termalismo así como os recursos etnográficos e culturais como o entroido.

Este programa é posible grazas ao proxecto de rehabilitación do conxunto arquitectónico que tiña como obxectivo prioritario a revitalización do mesmo para usos culturais e turísticos.

A programación cultural e lúdica ‘Vive o castelo’ componse de numerosas actividades para que toda a familia poida gozar desta acrópole, con variedade de propostas culturais que engloban dende o aspecto máis cultural, co coñecemento do propio castelo, ata o máis festivo con actuacións musicais, degustacións gastronómicas, circo e contacontos, entre outras.

Así, dentro destas actividades, no ámbito da divulgación cultural, celebrarase unha mesa redonda mañá baixo o título ‘Monterrei ao longo dos séculos’ na que intervirán o doutor en Historia e profesor de Investigación do CSIC, Eduardo Pardo de Guevara, o presidente da Asociación de Amigos do Camiño, Eligio Rivas, o canóngio arquiveiro da Catedral de Ourense, Miguel Ángel González García, e unha representante do estudo de arquitectura que levou a cabo a obra de rehabilitación do castelo.

Ademais, o programa inclúe nove visitas guiadas e teatralizadas que terán lugar cada xoves, entre os días 23 de xullo e 20 de agosto, que daranlle á cidadanía a oportunidade de visitar tanto o conxunto histórico como os espazos exteriores tal e como corresponde pola súa condicións de ben de interese cultural e público.

Estas visitas estarán acompañadas doutras actividades como a actuación do trío ‘Talabarte’, formado por un violinista, un contrabaixo e un acordeonista; que ofrecerán un concerto onde presentarán os temas do seu próximo disco ‘Ao son da cociña: music and food experience” e os asistentes terán a oportunidade de degustar petiscos nun showcooking a cargo do chef Xián Herrera.

Así mesmo a fortaleza acollerá a celebración da ‘Gala de circo no castelo’, na que participarán tres compañías, un presentador e unha banda de música ao vivo nun espectáculo para todos os públicos. Luís Iglesias será o condutor desta gala na que participarán o ‘Mago Teto’, o ‘Circo Chosco’, a ‘Compañía dos sete magníficos’ máis un e un grupo de galopíns musicais coñecidos con nome de ‘Magnifique bande dos homes sen medo’.

Actividades tamén en agosto
No mes de agosto, as actividades centraranse na música coas actuacións de Emilio Rúa, Uxía e Narf.

A programación tamén inclúe unha xornada máxica na que as persoas que visiten a fortaleza poderán descubrir os seus recantos a través dos contos e da música a través de ‘Castelo de contos’, que englobará as actuacións de ‘Os quisquilláns’ e ‘Daboapipa’, así como a do músico e actor Paco Nogueiras.

A programación de ‘Vive o castelo’ rematará con outra edición de ‘Música no castelo’, que nesta ocasión contará coas actuación de Guadi Galego e ‘Guezos’.

Con este amplo programa preténdese o achegamento tanto da poboación local como dos visitantes á acrópole, e incrementar os fluxos turísticos cara á zona de Verín-Viana, que no ano pasado recibiu máis de 33.000 viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros, cun incremento dos estranxeiros dun 24% en relación ao ano anterior.