Homenaxe a Neira Vilas no primeiro aniversario do seu pasamento

  • A Deputación de Ourense homenaxea a Neira Vilas no primeiro aniversario do seu pasamento
  • A revista Raigame, que edita a institución provincial, dedica un número monográfico ao autor de Gres-Vila de Cruces con artigos literarios e de investigación, e reedita en fascímil o traballo publicado en 2011 con motivo do 50º aniversario da primeira edición de Memorias dun neno labrego
  • Manuel Baltar dixo na presentación que a obra de Neira Vilas «é a obra de Galicia, na que mantén viva a alma do pobo, e desde o goberno provincial sentímonos orgullosos de difundir o traballo deste autor irrepetible»
Luis Reimóndez, Manuel Baltar e Xulio Fernández Senra

Luis Reimóndez, Manuel Baltar e Xulio Fernández Senra

 

A Deputación de Ourense presentou hoxe un traballo co que rende homenaxe a Xosé Neira Vilas no primeiro aniversario do seu pasamento. Trátase dun número monográfico da revista de arte, cultura e tradición popular Raigame, editada pola Deputación de Ourense, que recolle artigos literarios e de investigación do autor de Gres-Vila de Cruces, escritos por relevantes intelectuais galegos, e que incorpora, ademais, en formato facsímil o traballo publicado en 2011 con motivo do 50º aniversario da primeira edición de Memorias dun neno labrego. O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, dixo no acto de presentación que a obra de Neira Vilas «é a obra de Galicia, na que mantén viva a alma do pobo, e desde o goberno provincial sentímonos orgullosos de promover e difundir o traballo deste autor irrepetible».

Baltar, que presentou este traballo editorial xunto co presidente da Fundación «Neira Villas», Luis Reimóndez, e co director da revista Raigame, Xulio Fernández Senra, expresou a súa satisfacción «de poder colaborar na posta en valor da obra de Neira Vilas desde unha plataforma de difusión cultural como é Raigame, da man do Centro de Cultural Popular «Xaquín Lorenzo», para, nesta ocasión, homenaxear a un protagonista con maiúsculas das nosas letras, agora que se cumpre un ano da súa desaparición física mais non da súa obra literaria, que nos quedará para sempre».

Xulio Fernández Senra destacou a importancia desta publicación -o número 39 de Raigame-, da que, dixo, «recolle artigos asinados por Pilar Sampedro, Valentín García Gómez, Luis Reimóndez, Rosalía Morlán e Fernando Redondo, nos que fan achegas literarias e de investigación sobre a figura de Neira Vilas e da súa fundación, herdeira do legado do escritor». Tamén se inclúe na publicación a presentación que Neira Vilas fixo da revista Raigame en Ourense en 2011 e, en formato facsímil, a edición completa da revista editada en 2011, dedicada por completo a Memorias dun neno labrego, coincidindo con 50º aniversario da primeira edición da obra senlleira do autor de Gres-Vila de Cruces.

Pola súa banda, Luis Reimóndez destacou a vinculación que Neira Vilas tivo coa provincia de Ourense, «os pais da súa dona eran de Verea e Celanova, e por iso sempre tivo un cariño especial por esta provincia», e afirmou que se houbese que destacar unha característica do escritor «esa era a humildade». «Pepe Neira –comentou- sempre dicía que toda a gloria do mundo colle nun grao de arroz, se ben, se hoxe puidese acompañarnos neste acto estaría certamente orgulloso de saberse recoñecido por unha institución como a Deputación de Ourense e unha publicación de tanto prestixio no eido cultural como é a revista Raigame».

 

También te podría gustar...