Homenaxe a Antonio Tabarés Lezcano e presentación do seu libro ‘Cómo lo veo’, no Centro Cultural da Deputación

Homenaxe a Antonio Tabarés Lezcano e presentación do seu libro 'Cómo lo veo', no Centro Cultural da Deputación

 

O Centro Cultural «Marcos Valcárcel» da Deputación de Ourense acolleu onte á tarde a presentación do libro «Cómo lo veo», que recolle os artigos que ao longo de catorce anos publicou en La Voz de Galicia Antonio Tabarés Lezcano, persoeiro de intensa vida profesional en diferentes ámbitos institucionais e empresariais de Ourense, falecido hai agora un ano. O acto, que encheu o salón do Centro Cultural coa presenza de representantes da vida institucional, cultural e social, contou coa participación do presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o conselleiro de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez; a xornalista Fernanda Tabarés, filla de Antonio, e Eduardo Olano, expresidente da Deputación de Ourense e un dos impulsores da edición do libro e da homenaxe que hoxe se lle tributou a Antonio Tabarés.

Manuel Baltar, quen definiu a Tabarés como «Ourensabio», dixo que Antonio «formaba parte dese Ourense universal que tanto amaba e para o que pedía grandes racións de autoestima e unha autopista infinita para fuxir do vitimismo, sen dúbida o noso peor inimigo». O presidente provincial destacou que Tabarés «sempre enriquecía calquera debate coa súa perspectiva de «gran angular», froito dunha traxectoria marcada pola súa humanidade, a súa capacidade de traballo e algo que hoxe en día é un artigo de luxo: a visión».

Baltar subliñou que cando Eduardo Olano, José Manuel Rubín e José Luis Sousa «me propuxeron que a Deputación de Ourense publicase os artigos de Antonio Tabarés non tiven ningunha dúbida, pois considero que esta publicación é unha humilde homenaxe para quen transmitía na súa columna bonhomía dabondo e opinións de peso, necesarias para fixar criterio. Había nel o articulista, o tertuliano, o emprendedor, o xestor, o amigo… tantos Antonio Tabarés como poidamos imaxinar».

Homenaxe a Antonio Tabarés Lezcano e presentación do seu libro 'Cómo lo veo',no Centro Cultural da Deputación

También te podría gustar...