Homenaxe a 41 profesores xubilados na provincia de Ourense
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe na homenaxe aos Docentes organizada polo sindicato Anpe Ourense en colaboración co colectivo ‘O defensor do profesor’ , o papel “das e dos profesionais do ensino no progreso colectivo”. Estas foron as primeiras verbas do conselleiro nun acto no que se rendeu homenaxe a 41 profesores que acaban de xubilarse na provincia de Ourense tras unha vida de dedicación ao alumnado.
No decurso do acto, que tivo lugar no Teatro Principal da cidade da Burgas, o titular do departamento educativo da Xunta quixo “poñer de relevo o papel das persoas que dedican a súa vida á docencia, cun labor que todos sabemos longo e paciente, para transcender o presente e levarnos ao noso futuro como pobo”. Na súa intervención, Vázquez Abad aproveitou para expresar o compromiso do Goberno da Xunta cos docentes, que se plasma en iniciativas concretas como “o recoñecemento social do profesorado e a súa consideración como autoridade”.
Así mesmo expuxo que un dos piares da calidade do ensino é a formación do profesorado de xeito que os docentes dispoñan “das competencias, os coñecementos e o apoio que lles permitan satisfacer as distintas necesidades de aprendizaxe da cada neno e nena de hoxe”. A este respecto o conselleiro lembrou que o Plan de Formación do profesorado para o presente curso aposta por potenciar a formación en rede do profesorado, a mellora da competencia lingüística e a formación específica na función directiva, entre outras accións. Non obstante Vázquez Abad matizou que o Plan de Formación “é un organismo vivo, que se enriquece e se multiplica ao longo do curso escolar”.
A día de hoxe, preto de 8.500 docentes participan en actividades de formación personalizada nos seus centros mediante plans de formación propios, grupos de traballo e seminarios, o que supón un 10% máis que no ano anterior. Ademais, uns 623 centros educativos contan con algunha figura de formación personalizada. Para Vázquez Abad, estes datos “animan” a seguir traballando nesta liña.