Histórico, máis de 1.300.000 turistas internacionais

  • O turismo internacional de Galicia acada máis de 1.300.000 viaxeiros, superando un dos grandes obxectivos marcados no Plan Integral de Turismo 2013-2016
  • Nos primeiros dez meses deste ano 2016 Galicia rexistrou máximos históricos nos seus niveis de demanda turística, cun incremento do 7,6% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados e do 9,3% no que atinxe ás pernoitas
  • A nosa comunidade mellorou as súas cifras de ocupación en todas as tipoloxías de aloxamento
Gráfico

Gráfico

 

O turismo internacional de Galicia acadou nos dez primeiros meses do ano máis de 1.300.000 viaxeiros, superando así un dos grandes obxectivos marcados no Plan Integral de Turismo 2013-2016, o de acadar 1.250.000 viaxeiros estranxeiros.

Deste xeito, os datos acumulados do turismo internacional incrementáronse nun 10% motivado pola suba da súa cifra de viaxeiros do 7,7%. Estes incrementos sitúan os niveis deste mercado neste ano en máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados –con máis de 1,3 millóns- coma de pernoitas –con 2,14 millóns no conxunto da comunidade-.

En liñas xerais, nos primeiros dez meses deste ano 2016 Galicia rexistrou máximos históricos nos seus niveis de demanda turística, cun incremento do 7,6% no relativo ao volume de viaxeiros aloxados –con 4.510.191- e do 9,3% no que atinxe ás pernoitas –con 9.237.819 neste período-.

Polo que respecta aos distintos mercados turísticos, o turismo nacional incrementou un 9,0% as súas pernoitas e un 7,6% os seus viaxeiros acadando –con preto de 3,2 millóns de viaxeiros e preto de 7,1 millóns de pernoitas- as cifras máis elevadas dos últimos seis anos.

En relación as tipoloxías de aloxamento, rexistráronse neste período incrementos xeneralizados destacando o crecemento dos apartamentos turísticos que aumentaron as súas pernoitas nun 31,5%. Así mesmo, nos establecementos de turismo rural o crecemento foi do 17,7% e nos cámpings do 15,3%.

En termos de ocupación, Galicia mellorou as súas cifras en todas as tipoloxías de aloxamento destacando neste sentido os cámpings cunha suba de 3,6 puntos porcentuais e os hoteis e os establecementos de turismo rural onde os incrementos achéganse aos tres puntos.

Os datos do mes de outubro

No pasado mes de outubro Galicia acolleu un máximo histórico de viaxeiros aloxados ao rexistrar un total de 437.652, un 9,8% máis que no mesmo mes do ano anterior.

A nosa comunidade incrementou neste pasado mes nun 11.5% as súas pernoitas rexistrando un total de 821.233, a cifra máis elevada dos últimos seis anos.

O incremento da demanda produciuse polo bo comportamento dos dous grandes segmentos de mercado. O turismo nacional subiu en Galicia un 9,2% no que atinxe aos viaxeiros, con preto de 300.000 viaxeiros aloxados, e un 9,9% no que se refire ás pernoitas, acadando preto de 600.000, a cifra máis elevada dos últimos seis anos.

Pola súa parte, o mercado internacional acadou neste décimo mes do ano máximos históricos tanto de viaxeiros aloxados, con máis de 140.000, un 11,1% máis que en outubro de 2015, como de pernoitas, con preto de 225.000, un 16,2% máis neste caso.

O incremento da demanda produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas destacando o incremento de pernoitas rexistrado nos apartamentos turísticos -87%-, nas pensións -21%- e nos establecementos de turismo rural -18%-.

Esta dinámica positiva coloca os niveis de demanda de case todas as tipoloxías en valores por encima dos rexistrados nos últimos seis anos acadando no caso dos apartamentos turísticos cifras récord tanto de viaxeiros como de pernoitas.

O incremento da demanda levou consigo unha mellora tamén dos niveis de ocupación en todas as tipoloxías, superando no caso dos apartamentos turísticos en 7,2 puntos a cifra do pasado ano e nas pensións en 5,6 puntos porcentuais.

También te podría gustar...