Guía para orientar as actuacións nos Camiños de Santiago
- Cultura pon á disposición da cidadanía unha guía para orientar as actuacións nos Camiños de Santiago
O documento de boas prácticas inclúe unha serie de recomendacións indicativas, non imperativas, para facilitar e axilizar o traballo dos diferentes actores que interveñen neste ámbito e, ao mesmo tempo, salvagardar os valores das rutas
- O obxectivo principal desta nova ferramenta, que pode consultarse na web www.cultura.gal, é coidar os Camiños de Santiago, garantindo as súas características tradicionais, culturais e paisaxísticas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, acaba de poñer a disposición de toda a cidadanía galega unha Guía de boas prácticas para as actuacións nos Camiños de Santiago. Trátase dunha novidosa ferramenta que ten como obxectivo principal garantir o coidado do territorio de histórico dos Camiños de Santiago e preservar os seus valores, ao mesmo tempo que ofrece unha serie de recomendacións indicativas para facilitar e axilizar os proxectos dos diferentes actores que interveñen no ámbito de actuación destas rutas. Ademais, serve de referencia para que todos os axentes que actúan nos camiños teñan unha guía de criterios de intervención.
Por tanto, esta guía, que non é un documento normativo, será útil tanto para o desenvolvemento patrimonial e a salvagarda da paisaxe dos camiños como para os propietarios, profesionais e incluso para os técnicos municipais, converténdose nun documento de referencia. Todos os interesados xa poden consultala no seguinte enderezo web http://www.cultura.gal/gl/guia-boas-practicas-para-actuacions-caminos.
Ferramenta orientadora, non obrigatoria
En concreto, o que se pretende con este manual orientador –que encauzará as intervencións que entran dentro do ámbito competencial da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural– é facilitarlle aos propietarios, promotores e redactores de proxectos unhas recomendacións claras sobre como actuar no territorio histórico dos Camiños de Santiago. Unhas recomendacións coas que se garanta a salvagarda das súas características tradicionais, culturais e paisaxísticas e, ao mesmo tempo, se facilite e axilice o proceso de obtención das correspondentes licencias, ao dispoñer de recursos e información complementaria de axuda.
Cómpre salientar que se trata dunha ferramenta orientadora, non obrigatoria nin imperativa, xa que o que ofrece son pautas básicas, recomendacións e criterios, que favorezan compatibilizar o uso coa conservación e valorización do Camiño.
Estrutura da guía
Este manual dedica a meirande parte dos seus contidos a dous aspectos destacables: as boas prácticas en restauración e na construción de novas vivendas nos contornos de valor cultural. Co obxectivo de facer máis doada a consulta, a guía organízase nunha serie de fichas que se agrupan en seis capítulos: a rehabilitación das construcións tradicionais, as vivendas de nova construción, as edificacións agrarias ou industriais de nova construción, os espazos públicos, núcleos urbanos e polígonos industriais, infraestruturas, e actividades con impacto no territorio. As fichas teñen, ademais, unha estrutura común formada por tres apartados para facilitar a súa comprensión e utilización.
Identificar e documentar as solucións
En definitiva, trátase de dar recursos aos propietarios e aos profesionais, tanto do deseño como da construción, para que se coñezan as solucións técnicas tradicionais; se teñan os argumentos para entender o seu valor e o seu funcionamento, e orientacións para o seu deseño e execución, así como os documentos para a tramitación administrativa. Non é, polo tanto, un catálogo de solucións, nin unha normativa ou ordenanza tipo, senón unha técnica ou procedemento de como identificar os puntos sensibles do proxecto, como documentar as solucións óptimas, como seleccionalas e como deseñalas.
Deste xeito, os axentes particulares, veciños e propietarios de vivendas ao carón dos Camiños de Santiago ganarán tempo e seguridade á hora de realizar as súas intervencións, á vez que se valorizan e se conservan os valores patrimoniais do contorno polo que transcorren as rutas. E, en consecuencia, tamén se facilitará o traballo aos técnicos municipais, que contarán cunha guía de apoio, orientativa dos criterios da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.