Gastronomía galega en Nueva York no marco do Galician Film Festival
- Turismo de Galicia promove a gastronomía galega en Nueva York no marco do Galician Film Festival
- O chef Álvaro Villasante realizou un showcooking e un taller de cociña na gala de peche deste acontecemento
- A directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, participou tamén neste programa de promoción cultural da Comunidade galega
A sede do Instituto Cervantes de Nueva York acolleu o Galician Film Festival, un acontecemento de promoción cultural da Comunidade galega centrado no cine, no que Turismo de Galicia participou apoiando a difusión da gastronomía galega entre os asistentes.
Deste xeito, o chef Álvaro Villasante, pertencente ao grupo de cociñeiros Nove, ofreceu un showcooking e un taller de cociña para os asistentes ás actividades programadas esa xornada, entre os que se atopan cineastas norteamericanos, xornalistas e críticos.
Ademais, Villasante elaborou o cóctel de clausura do festival no que participaron máis de 100 persoas.
Así mesmo, a directora de Promoción de Turismo de Galicia, Carmen Pita, participou no Galician Film Festival, co obxectivo de completar a difusión cultural de Galicia na cidade norteamericana desde a vertente turística.
Mercado dos Estados Unidos
No ámbito da demanda turística, no primeiro cuadrimestre do ano, o mercado dos Estados Unidos rexistrou máis de 9.600 viaxeiros aloxados e 17.341 pernoitas, cifras que superan nun 14,5% e 32,0% respectivamente os niveis de demanda do mesmo período do pasado ano.
EE.UU é o sexto mercado internacional en orde de importancia no segmento hoteleiro e o primeiro non europeo, representando o 6% do total internacional neste período de catro meses.