‘Gallaecia Solucións en Madeira’ elixe Bóveda
- O Concello de Bóveda agradécelle á empresa ‘Gallaecia Solucións en Madeira’ que elixa o polígono da localidade para reforzar a súa produción
- A firma comezará este mes a súa actividade nunha nave que mercou no polígono industrial de 2.500 metros cadrados
- A instalación da firma en Bóveda suporá a creación de novos postos de traballo
O alcalde de Bóveda, José Manuel Arias, vén de manter un encontro de traballo co xerente da firma, Gallaecia Solucións en Madeira, Juan Páez Páez, que este mesmo mes comezará a súa actividade nunha nave do polígono industrial de Bóveda desde a que reforzarán a fabricación de produtos en madeira, como tarimas, solo, revestimentos ou molduras, entre outros.
A empresa, con sede en Sarria, elixiu o polígono industrial de Bóveda para reforzar a súa produción con destino ao mercado nacional e internacional. O xerente, Juan Páez, destaca as boas comunicacións da localidade para poder acceder aos materiais e subministrar os seus produtos aos seus principais mercados.
A firma comezará este mesmo mes a actividade en Bóveda nunha nave que adquiriu de 2.500 metros cadrados e dotada de todos os avances necesarios para seguir coa súa produción. Esta apertura suporá a creación de novos postos de traballo, que se sumarán aos 12 empregados que xa teñen na actualidade.
Xeración de riqueza e emprego
O rexedor do Concello de Bóveda, José Manuel Arias, agradécelle á empresa que decidira trasladar parte da súa actividade á localidade, “o que xerará riqueza e emprego”. “Trátase dunha empresa punteira no seu sector, que decide apostar por Bóveda para ampliar a súa produción, polo que non podemos máis que estar agradecidos e esperanzados coas posibilidades que isto supón para o noso Concello”, precisa o rexedor.
Molduras Pavi
Gallaecia Solucións en Madeira pertence ao Grupo Molduras Pavi, unha empresa fundada en Sarria no ano 1969 e que conta xa cunha ampla rede comercial no mercado da produción de molduras para cadros, espellos, marcos para fotos, portafotos, etc.
A liña de produto que van desenvolver en Bóveda supón a produción de frisos, pontóns, vigas laminadas, rodapé, tarimas ou listóns. O novo emprazamento vailles permitir dispoñer duna loxística eficaz e colocar no prazo de entrega o seu produto en calquera parte do mundo.
Os materiais empregados nos seus procesos de produción son reciclados para un posterior uso conseguindo manter o equilibro ecolóxico coa contorna que os rodea.
A empresa tivo unha facturación de máis de 2 millóns de euros no ano 2021, unha cifra que esperan mellorar de cara aos vindeiros exercicios cunha previsión de crecemento á que vai contribuír a actividade no polígono de Bóveda.