Galicia ‘Silver Gilt’ na exposición floral londinense de Hampton Court
- Turismo de Galicia gaña unha medalla na exposición floral londinense de Hampton Court
- Galicia participa cun xardín de camelias que ten como motivo central a peregrinación para promover a Ruta da Camelia e o Camiño de Santiago
- A Comunidade disporá un espazo de información turística para presentar os seus principais atractivos
- A feira é unha das máis importantes do mundo, conta cun espazo de exposición de 33 hectáreas e o ano pasado recibiu máis de medio millón de visitantes
Turismo de Galicia recibirá a medalla Silver Gilt na exposición floral anual Hampton Court Palace Flower Show de Londres. Galicia participa cun xardín de camelias que ten como motivo central a peregrinación para promover dous recursos turísticos de especial significación na Comunidade como son a Ruta da Camelia e o Camiño de Santiago.
Neste sentido, Turismo de Galicia tamén contará cun posto informativo dende o que se distribuirá información turística da Comunidade, especialmente da Ruta da Camelia e da Ruta dos Viños. Ademais, o operador turístico británico Ramblers Holidays e o galego Always in Spain presentarán ao público británico os paquetes turísticos con destino Galicia que teñen nos seus catálogos.
A Hampton Court Palace Flower Show é unha das feiras anuais de xardíns e exposicións de flores máis importantes do mundo. Ten lugar no recinto do Palacio de Hampton Court, en Londres, e está organizada pola Royal Horticultural Society.
O espazo de exposición abarca 33 hectáreas e o tempo medio de visita é dunhas 5 horas. Na pasada edición participaron 600 expositores e foi visitada por máis de medio millón de visitantes.
Tren da Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos
Un dos produtos turísticos de Galicia relacionados coa Ruta da Camelia é o tren turístico que percorrerá este verán a Ruta dos Pazos e Xardíns Históricos dentro da nova edición do programa de trens turísticos «Galicia a todo tren”, unha iniciativa conxunta da Xunta de Galicia, RENFE e Deputación de Ourense a través do INORDE.
Neste percorrido, un dos nove que se ofrecerán, o visitante sairá de Santiago de Compostela e coñecerá pazos emblemáticos, que albergan impresionantes xardíns, como o Pazo de Rubiáns, o Castelo de Soutomaior e o Pazo de Quiñones en León. A viaxe inclúe desprazamentos en autobús ata o recurso turístico a visitar e un guía especializado durante todo o traxecto.