Galicia rexistrou no ano 2014 un total de 23.214 accidentes de traballo durante a xornada laboral
Galicia rexistrou no ano 2014 un total de 23.214 accidentes de traballo en xornada laboral, o que supón un incremento do 3,79% (+848) con respecto aos que se detectaron en 2013.
Deste total, 22.726 foron de carácter leve, 429 foron graves, e 59 foron mortais. Isto supón que o 97,9% do total dos accidentes foron leves, un 1,85% correspóndense con sinistros graves, e o 0,25% cos mortais. Neste último caso, o maior número de sinistros correspondeuse cos accidentes de buques e afundimentos no sector pesqueiro.
Por provincias, produciuse unha redución dos accidentes de traballo na provincia de Pontevedra (-3,45%), pero rexistrouse un incremento no resto das provincias: A Coruña (+7,61%), Lugo (+11,39%), e Ourense (+2,98%).
En canto aos sectores, a agricultura (-0,25%) e a industria (-0,16%) rexistraron un descenso nos accidentes laborais, mentres que os sinistros aumentaron na pesca (+5,65%), na construción (+5,71%), e nos servizos (+5,88%).
Para medir a sinistralidade laboral tamén se emprega o índice de incidencia, que compara o número de accidentes co número de persoas traballadoras coas continxencias profesionais cubertas (número de accidentes de traballo dividido pola poboación afiliada e multiplicado por 100.000). Neste caso, o índice de incidencia incrementouse en Galicia no 3,58% en comparación co ano anterior.
Por provincias, o índice de incidencia baixou en Pontevedra (-3,62%), pero subiu na Coruña (+7,26%), Lugo (+11,32%), e Ourense (+3,05%).
Respecto dos accidentes “in itinere” (os ocorridos durante os desprazamentos ao ir ou volver do traballo) no 2014 producíronse 2.755, 63 menos que no 2013 (2.818) o que supón unha redución dun 2,24%.