Galicia rexistra en xuño 7.919 persoas desempregadas menos que no mes de maio e volve a niveis de paro anteriores a 2011
Galicia pechou o mes de xuño con 7.919 persoas desempregadas menos que en maio, o que se traduce en termos porcentuais nunha baixada do 3,34%, segundo os datos do paro rexistrado. Deste xeito, o número de inscritos nas oficinas de emprego sitúase actualmente nas 229.062 persoas.
A directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz, destacou hoxe que se trata da quinta baixada intermensual no que vai de ano “e a maior de todas elas, tanto en termos absolutos como relativos”. Ademais, Galicia “volve comportarse mellor” que a media estatal, tanto a nivel mensual como interanual.
Ao respecto, Díaz López resaltou que xa se acumulan vinte baixadas consecutivas interanuais desde novembro de 2013. Ademais, este mes de xuño rexistrou o segundo maior descenso interanual, en termos absolutos e relativos, de toda a serie histórica (estatísticas desde 1996). En concreto, o descenso con respecto a xuño do ano anterior foi de 23.248 persoas desempregadas, un -9,21 por cento.
Grazas a este comportamento, Galicia volve a niveis de paro inferiores aos que existían en 2011, isto é, “hoxe temos menos inscritos nas oficinas dos que había hai catro anos”.
En España, o desemprego baixou en 94.727 persoas, un 2,25 por cento, ata situarse nos 4.120.304 parados. En termos interanuais, o paro en España diminuíu nun 7,40%.
Por sectores, o desemprego descende en todos eles, pero a principal diminución destes mes concéntrase no sector servizos (-4.397). A continuación sitúase a construción (-1.116), que é, ademais, o sector económico que presenta un maior descenso en termos relativos. Séguenlle a industria (-1.072), o colectivo sen emprego anterior (-1.027), e a agricultura e a pesca (-307)
Por provincias, o desemprego baixou en todas elas, especialmente en Pontevedra (-3.513), seguida pola Coruña (-3.007), Ourense (-881) e Lugo (-518).
Na evolución dos contratos, este mes rexistráronse un total de 85.271 contratos, 16.998 máis que no mes anterior. Deste total, 5.802 foron indefinidos (6,81%), e 79.469 temporais (93,19%). No eido dos contratos, tamén se rexistra unha interanual positiva do 14,89%.