Galicia promove a súa oferta turística na World Travel Market, feira máis importante do mercado británico

Nava Castro e Carmen Pita viaxaron a Londres para manter encontros cos profesionais do sector

 

Turismo de Galicia está a promocionar en Londres, desde hoxe e ata o próximo 6 de novembro, a oferta turística galega dentro da feira World Travel Market (WTM), a feira turística máis importante do mercado británico e un dos certames de turismo máis importantes do mundo.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a directora de promoción, Carmen Pita, viaxaron a Londres para manter encontros cos profesionais do sector e difundir a oferta turística de Galicia e o Camiño de Santiago. Turismo de Galicia insistirá na promoción dos valores da marca do turismo galego e os seus principais produtos turísticos co obxectivo de afianzar a chegada de turistas británicos á nosa comunidade. Ademais, potenciaranse as relacións entre os empresarios turísticos de Galicia e os operadores británicos e do resto do mundo presentes neste certame.

No marco de dita feira, Turismo de Galicia promoveu unha misión comercial na que, desde hoxe, están a participar 16 empresarios hostaleiros galegos. Así, viaxaron tamén á capital británica, para promocionar os seus produtos e servizos e contactar cos principais operadores turísticos británicos, os asociados ao Clúster de Turismo de Galicia acompañados polo seu presidente, Francisco González, e representantes do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería de Lugo, da Federación Galega de Turismo Rural, do Grupo Costas Galicia, da Asociación de Empresarios de Hospedaxe da Coruña (HOSPECO), da Asociación de Turismo Rural Agarimo, da empresa Ababides Servicios, da Fundación Semana Verde de Galicia, de Carrís Hoteles, de Palexco e dos hoteis San Lorenzo e Gran Hotel La Toja.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia (CTG), Francisco González, puideron presentar hoxe o proxecto do CTG ao Ministro de Industria, Enerxía e Turismo, José Manuel Soria, nun encontro que mantiveron esta mañá no marco da WTM. Do mesmo modo, a secretaria de Estado de Turismo, Mª Isabel Borrego, tamén puido coñecer de primeira man a proposta de traballo do Clúster. Ambos os dous mandatarios mostráronse moi interesados no proxecto, que permite que, por vez primeira, o sector turístico en Galicia se presente nos foros internacionais cunha voz única.

A World Travel Market é un dos eventos turísticos máis importantes do mundo, xunto coa Bolsa Internacional de Turismo (ITB) de Berlín (Alemaña) e a Feira Internacional de Turismo (Fitur) de Madrid. A pasada edición reuniu máis de 131.000 visitantes, un 5% máis que en 2012, cun incremento do 4% na participación de medios internacionais e do 2% no número de expositores.

También te podría gustar...