Galicia pecha o mes de xaneiro cun total de 259.002 persoas en situación de desemprego
Galicia pechou o mes de xaneiro cun total de 259.002 persoas en situación de desemprego, o que supón un incremento do 2,81% con respecto ao mes anterior (+7.084). En comparación con xaneiro de 2014, isto é, interanualmente, o desemprego descendeu nun 7,85 por cento (-22.075), o mellor comportamento interanual de toda a serie histórica (estatísticas desde 1996).
Así o explicou hoxe a directora xeral de Emprego e Formación, Ana María Díaz. Detallou que no mes de xaneiro sempre se producen subidas do paro, debido fundamentalmente ao remate das contratacións da temporada do Nadal. Con todo, a pesar de que unha subida “nunca é positiva”, precisou que este é o menor ascenso dun mes de xaneiro desde 2008, “ano no que se iniciou a crise económica”.
Se se toman como referencia os datos “desestacionalizados”, que se corresponden coa evolución interanual, cabe destacar que Galicia xa acumula a décimo quinta baixada consecutiva, unha tendencia que comezou a finais de 2013.
Grazas a esta evolución, Galicia pechou o mes de xaneiro con menos desempregados dos que había no mesmo mes de 2014, 2013 e 2013. “Isto é, estamos volvendo a niveis de paro de hai tres anos”, subliñou Díaz López.
En España, o desemprego aumentou en 77.980 persoas, un 1,75 por cento, ata situarse nos 4.525.691 parados. En termos interanuais, o paro en España baixou nun 6%. Deste xeito, Galicia sitúase “case dous puntos” por riba da media estatal a nivel interanual.
Por sectores, o incremento do paro está este mes “totalmente asociado” ao sector servizos, no que medra en 7.389 persoas. A continuación sitúase o colectivo sen emprego anterior (+413), e a agricultura e a pesca (+161). Pola súa banda, baixa na industria (-623) e na construción (-256).
Por provincias, o desemprego subiu en todas elas. O principal incremento detectouse en Pontevedra (+3.118); seguida por Coruña (+2.371); Ourense (+801); e Lugo (+794).
Na evolución dos contratos, este mes rexistráronse un total de 62.421 contratos, 3.327 máis que no mes anterior. Deste total, 5.911 foron indefinidos (9,47%), e 56.510 temporais (90,53%). No eido dos contratos, tamén se rexistra unha interanual positiva do 10,98%.