Galicia entre as rexións con máis proxectos e maior participación no Erasmus+
- Galicia sitúase entre as rexións con máis proxectos aprobados e maior participación no programa europeo Erasmus+: Xuventude en Acción
- Na primeira quenda deste ano 2016 foron aprobados na Comunidade Autónoma 16 iniciativas promovidas por concellos, grupos informais de rapaces e rapazas e entidades sen ánimo de lucro, cun orzamento no seu conxunto superior aos 220.000 euros
- A Comisión Europea e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado recoñece a experiencia e coñecementos adquiridos a través da educación non formal durante o desenvolvemento dos proxectos
Galicia continúa a ser é unha das rexións máis activas no número de proxectos presentados e aprobados, nos fondos recibidos da Unión Europea (UE) e no número de mozos e mozas participantes no programa Erasmus+: Xuventude en Acción, en concreto, no tocante a programas de mobilidade e aprendizaxe non formal. Así se pon de manifesto no balance actualizado de proxectos aprobados no que vai de ano ao abeiro deste programa europeo que coordina a Xunta de Galicia a través Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.
Deste xeito, na primeira quenda de 2016 do Erasmus+: Xuventude en Acción foron aprobados na nosa Comunidade Autónoma un total de 16 proxectos promovidos por concellos, grupos informais de mozos e mozas e entidades sen ánimo de lucro cun orzamento superior aos 220.000 euros no seu conxunto nalgunha das tres accións clave en que se estrutura este programa: mobilidade das persoas por motivos de aprendizaxe; cooperación para a innovación e o intercambio de boas prácticas; e apoio ás reformas das políticas. O prazo de presentación de proxectos da segunda e terceira quenda de 2016 nestas tres accións clave son o 26 de abril de o 4 de outubro, respectivamente. Non obstante, na acción clave 2 os proxectos de apoio á innovación so se poderán presentar na quenda do 26 de abril.
Erasmus+ é o programa da Unión Europea para a educación, a formación, a xuventude e o deporte que está en vigor dende o 1 de xaneiro de 2014 ata o 31 de decembro de 2020. Esta iniciativa fomenta a mobilidade dentro e fora dos límites da Unión Europea, a aprendizaxe non formal e o diálogo intercultural. Así mesmo, tamén favorece a empregabilidade e a inclusión de todos os mozos e mozas con independencia do contexto social, educativo ou cultural ao que pertenzan. Máis polo miúdo, o capítulo de Xuventude do Erasmus+ brinda apoio para que os mozos e mozas adquiran habilidades esenciais para o seu desenvolvemento persoal e profesional mediante a educación non formal, posibilita ás persoas que traballan no ámbito da xuventude e aos mozos e mozas maiores oportunidades de mobilidade por motivos de aprendizaxe, potencia a dimensión internacional das actividades xuvenís e o papel dos traballadores e organizacións no eido da xuventude como estruturas de apoio á mocidade.
Neste sentido, a Comisión Europea recoñece a experiencia e coñecementos a través da educación non formal durante o desenvolvemento dos proxectos financiados por Eramus+: Xuventude en Acción, mediante o certificado Youthpass. Así mesmo, a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ao abeiro da orde do 26 de febreiro de 2015, concede aos participantes un certificado de educación non formal que da visibilidade á aprendizaxe adquirida; e se validan as competencias asumidas, contribuíndo así á mellora das posibilidades de emprego da mocidade galega.
No ano 2015 foron aprobados en Galicia no marco de Erasmus +: Xuventude en Acción un total de 38 proxectos nos que participaron 1.263 mozos e mozas e que contaron cun orzamento total de 923.331 euros.
A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Consellería de Política Social, como parte integrante do programa Erasmus+, leva a cabo funcións de información, asesoramento, avaliación e seguimento de todos os proxectos presentados en Galicia ao abeiro deste programa europeo.