Galicia…EMPRENDE

OURENSE ACOLLE A PRIMEIRA XORNADA ORGANIZADA POR ECONOMÍA E INDUSTRIA PARA ACHEGAR AOS EMPRENDEDORES GALEGOS ASESORAMENTO E AXUDAS PARA CREAR E CONSOLIDAR NOVAS EMPRESAS.

  • A Xornada Galicia Emprende está organizada conxuntamente polo Igape e a Escola de Organización Industrial
  • O encontro, que incluíu intervencións de expertos xunto con exemplos de emprendedores, abre un ciclo que seguirá con eventos similares en Lugo, A Coruña e Vigo e a celebración dun Foro de emprendemento en Santiago
  • Os emprendedores participantes teñen a oportunidade de explicar os seus proxectos nun vídeo que se difundirá en redes sociais e que poderá axudarlles a captar financiamento

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou na apertura da Xornada Galicia Emprende, que se desenvolve hoxe na sede da Confederación Empresarial de Ourense, organizada pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape e a Escuela de Organización Industrial (EOI). O obxectivo desta xornada técnica é promover o espírito emprendedor e achegar aos emprendedores ourensáns os servizos e as axudas existentes para apoiar a posta en marcha ou a consolidación de novas empresas.

250915 Galicia Emprende2

Durante a xornada, Rogelio Martínez salientou que a finalidade é procurar que os emprendedores coñezan os instrumentos idóneos para impulsar novos proxectos empresariais e contribuír, deste modo, a dar “un impulso definitivo para a reactivación do tecido produtivo” . En definitiva que “ningún proxecto viable deixe de poñerse en marcha por falta de asesoramento ou dos apoios axeitados ás súas necesidades e peculiaridades”.

Segundo informou o delegado territorial, Economía e Industria activou, a través do Igape, un amplo catálogo de axudas, para impulsar a actividade dos empresarios galegos. Destacando entre outros os préstamos Jeremie, para financiar operacións a partir de 70.000 euros; e os microcréditos de ata 25.000 euros, con xuros que poden acadar bonificacións de ata 3 puntos.

250915 Galicia Emprende

Os emprendedores que participan neste encontro arredor do emprendemento, de carácter gratuíto, reciben asesoramento experto sobre aspectos de xestión empresarial como marketing, finanzas, estratexia ou internacionacionalización.

O programa da xornada inclúe tamén o desenvolvemento de talleres de comunicación sobre o plan de negocio e de adestramento en técnicas de xestión empresarial. Por outra banda, haberá unha charla de financiamento e unha mesa redonda con experiencias de emprendedores da provincia, na que participarán representantes dos proxectos Trend On me, do sector textil; Eolicia, unha empresa de enerxías renovables; e por último, Grupo Reboreda Morgadío, do sector vitivinícola.

Ademais, os emprendedores participantes teñen a oportunidade de gravar en vídeo sínteses dos proxectos que se difundirán a través das redes sociais e que lles poderán servir para darse a coñecer ou para acadar financiamento.

A xornada que hoxe se desenvolve en Ourense é a primeira dun ciclo de encontros arredor do emprendemento que se celebrarán tamén, durante as próximas semanas, en Lugo, A Coruña e Vigo, para rematar cun Foro de Emprendemento que se desenvolverá en Santiago de Compostela.

También te podría gustar...