Galicia e Xapón consolidan a súa colaboración en materia turística
Esta semana Galicia e Xapón dan un paso máis na súa colaboración en materia turística coa xuntanza mantida pola directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, co secretario xeral da Asociación Xaponesa de Axencias de Viaxes JATA, Nobuyuki Ikeda.
O encontro, desenvolvido na sede de Turismo de Galicia en Santiago de Compostela, contou tamén coa participación da vicepresidenta da Asociación Hispano Xaponesa de Turismo, Yoshitaka Hoshina, e o presidente de Three Peaks Winery, Takehiro Oikawa.
Os representantes da Asociación Xaponesa de Axencias de Viaxes viaxaron ata a comunidade galega para coñecer de primeira man os seus recursos turísticos e afondar no Camiño de Santiago, do cal afirmaron, “constitúe un referente internacional no fenómeno das peregrinacións”.
No encontro, a delegación nipona mostrou grande interese por diversos asuntos relacionados co Camiño de Santiago e co turismo enolóxico de Galicia.
Durante a reunión, a directora de Turismo de Galicia, incidiu nas numerosas similitudes que comparte a nosa comunidade con Xapón destacando, ademais da cultura de peregrinación e as dúas rutas declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO -Camiño de Santiago e Camiño Kumano-, a Ribeira Sacra e o seu parecido coa prefectura de Wakayama, a tradición milenaria que atesouran os dous territorios, as rías e o termalismo, entre outros aspectos.
Nava Castro salientou a boa relación existente entre a comunidade galega e o país nipón dende a visita do Príncipe Naruhito a Galicia no ano 2013, onde tivo a oportunidade de percorrer un tramo do Camiño de Santiago, visitar o mirador do Monte del Gozo e coñecer a catedral e o seu famoso botafumeiro.
Así mesmo, a responsable de Turismo de Galicia salientou a participación da Xunta de Galicia unha edición máis, por terceiro ano consecutivo, na Feira de Turismo de Tokio, JATA, na que deu a coñecer aos axentes profesionais e ao público o destino Galicia.
O secretario xeral da Asociación xaponesa de axencias de viaxes JATA, Nobuyuki Ikeda, trasladoulle á responsable de Turismo de Galicia o seu interese por asinar un convenio de colaboración ao obxecto de afondar no proceso de desenvolvemento e consolidación de promoción do Camiño de Santiago e traballar conxuntamente nas dúas rutas de peregrinación.