Galicia e o Norte de Portugal aglutinan toda a información da Eurorrexión para atraer novas iniciativas económicas á zona
A Xunta asinou hoxe un protocolo de colaboración para crear o “Gabinete de Información da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal”, unha estrutura que aglutinará toda a información dispoñible sobre a Eurorrexión co fin de aumentar o seu valor en termos de iniciativas económicas, novas actividades, turismo ou innovación, entre outras.
Na sinatura participaron o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, por parte da Xunta; e o presidente da CCDR-N e da Comunidade de Trabalho Galicia-Norte de Portugal, Emídio Gomes; así como unha trintena de representantes de administracións locais, universidades, centros de ensino superior, sindicatos, empresarios e cooperativas, entre outros. A idea é seguir incorporando moitos outros socios que queiran traballar no eido da cooperación transfronteiriza.
A Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal participa nun proxecto europeo cuxo obxectivo principal é incrementar o desenvolvemento e o atractivo da Eurorrexión, a través do reforzo da cohesión territorial, económica e social; dinamizando un conxunto de axentes e de accións innovadoras dentro dos distintos ámbitos de cooperación transfronteiriza institucional.
Unha das actividades enmarcadas neste proxecto consiste en desenvolver un centro de recursos para a Eurorrexión, así como a promoción dese espazo a través da creación dun Gabinete de Información da Eurorrexión (GIE-GNP), unha estrutura que agrega toda a información dispoñible sobre esta zona e que permite a colaboración entre distintos axentes do territorio.