Galicia e Castela-León reforzarán e ampliarán a súa colaboración nun vindeiro cumio entre os presidentes autonómicos
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda e o consejero de Presidencia de la Junta de Castilla- León, José Antonio de Santiago-Juárez, confirmaron esta mañá a celebración dun próximo encontro entre os presidentes autonómicos Juan Vicente Herrera e Alberto Núñez Feijóo, despois de manter unha reunión na que realizaron un seguimento do protocolo xeral de colaboración existente entre os gobernos de Castela-León e Galicia, asinado no ano 2010.
O obxectivo fundamental desta colaboración entre comunidades é mellorar a calidade de vida dos cidadáns mediante un maior e mellor acceso aos servizos públicos esenciais, sumando esforzos para ser máis eficientes, evitando duplicidades e así prestar mellores servizos nas mellores condicións grazas a estas iniciativas de cooperación e colaboración.
Así, en materias tan importantes como a asistencia sanitaria, prestáronse máis de 10.000 atencións dende centros sanitarios a persoas da outra comunidade. No eido da educación, leváronse a cabo intercambios de estudantes en formación que realizaron prácticas na outra comunidade co impulso da ensinanza do galego en Castela-León.
Nas Emerxencias grazas ao proxecto Ariem 112 no que tamén participa Portugal, e que supón un número de teléfono único de emerxencias en toda a fronteira, facilitase a mobilización de medios de un e outro lado e ofrecendo así unha mellor resposta moito máis rápida e eficaz.
E finalmente, co impulso da Macrorrexión RESOE, constituída xunto á Región Norte portuguesa en setembro de 2010 e ampliada con Asturias e la Rexión Centro de Portugal o pasado mes de maio, os gobernos destes territorios fomentan a cohesión económica, social e territorial; o reforzo da alianza institucional entre as rexións, a posta en común e a optimización de recursos e oportunidades brindados pola UE.