Galicia consolídase como referente do turismo termal en Arxentina

A directora de Turismo de Galicia, na clausura de Termatalia

 
A décimo cuarta edición de Termatalia chegou á súa fin. Unha feira que tras a súa celebración durante catorce anos consecutivos se converteu xa nun auténtico referente internacional de turismo de saúde.

Con esta edición, en Termas do Río Hondo, en Arxentina, Termatalia se constatou como a feira de turismo termal máis importante a un lado e a outro do Océano Atlántico e funcionou, un ano máis, como ponte termal entre Europa e América Latina.

A participación activa na feira do ministro de Turismo de Arxentina, Enrique Meyer, e a implicación do subsecretario de Turismo de Santiago del Estero, Ricardo Sosa, así como a colaboración da Federación Empresaria Hoteleira Gastronómica da República Arxentina (FEHGRA), evidenciaron durante esta edición a importancia que está a acadar o termalismo.

O acto de clausura oficial, que tivo lugar no Autódromo da cidade anfitriona da feira, contou coa participación da directora de Turismo de Galicia. Durante a súa intervención, Nava Castro, afirmou que Termatalia supuxo de novo un grande éxito para todos. «Quixese felicitar os organizadores por conseguir realizar novamente un encontro cheo de oportunidades para os expositores e para os profesionais do sector turístico e termal que se achegaron ata a feira», sinalou.

A directora de Turismo de Galicia explicou que «neste recinto foi posible coñecer a oferta termal de diferentes destinos situados arredor do mundo. Unha gran mostra das virtudes que encerra a nosa terra e da que o ser humano foi capaz de extraer o mellor dos seus proveitos». Así mesmo, destacou que a utilización dos mananciais ben para o envasado de auga ben para os balnearios continua sendo unha industria cun gran potencial sempre e cando se realice dun xeito sostible e controlada.

A cidade de Termas de Río Hondo foi o mellor escenario para posicionar internacionalmente a Galicia nun dos segmentos turísticos máis emerxentes, o turismo de saúde e benestar. Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia, concluíu «temos depositadas grandes esperanzas de futuro no sector termal galego porque o consideramos un valor constante, un activo que nunca desfalece por máis que pase o tempo».

A feira clausúrase confirmándose como un evento imprescindible do turismo de saúde, ao fomentar o intercambio de experiencias tanto dende o ámbito empresarial como o institucional e social. Constatouse que é clara merecedora de ser a Feira Comercial Internacional de Turismo de Saúde de España e a Feira de Interese Parlamentario de Arxentina. Ambas as dúas distincións recoñecen a importancia e transcendencia internacional que representou este evento para ambos os dous países.

O Encontro Internacional sobre Auga e Termalismo, a bolsa de contratación, as misións comerciais, as rutas termais, a cata internacional de augas, o encontro de cidades termais, os 217 stands procedentes de 27 países, os relatores de primeiro nivel, os paneis, as actividades nos postos como por exemplo a realización de masaxes, o bar de augas ou os centros termais supuxeron unha intensa e variada actividade en Termatalia.

También te podría gustar...