Galicia como destino para o turismo deportivo
- Nava Castro destaca a potencialidade de Galicia como destino para o turismo deportivo
- A directora de Turismo de Galicia visitou o Centro de Adestramento de Remo do Balneario de Laias que acolle nestes días a representantes das federacións de Francia, Bulgaria e Bielorrusia
- Na súa visita, destaca a colaboración que Turismo de Galicia vén realizando nos últimos anos co INORDE para a realización de actividades de dinamización turística na provincia de Ourense
- Así mesmo, Nava Castro salienta que este centro reúne todo o necesario para que Galicia sexa un destino turístico perfecto para o adestramento ao máis alto nivel
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou esta mañá o Centro de Adestramento de Remo de Laias, Arnoia e Castrelo de Miño que nestes días acolle a representantes das federacións de Francia, Bulgaria e Bielorrusia.
Durante a visita Nava Castro destacou a colaboración que Turismo de Galicia vén realizando nos últimos anos co INORDE para a realización de actividades de dinamización turística na provincia de Ourense.
Neste senso, a responsable de Turismo da Xunta fixo referencia a diversos convenios de colaboración entre Turismo de Galicia e o INORDE para a promoción internacional deste centro de adestramento de primeiro nivel.
Segundo explicou, a través destes acordos difundiuse o centro de remo en eventos internacionais como o Mundial de piragüismo en Amsterdam, as Copas do Mundo de Remo de Posnan (Polonia) e de Lucerna (Suíza) ou no Mundial de Aiguebelette (Francia), entre outros.
Nava Castro sinalou que estas actuacións súmanse ás realizadas o pasado ano pola Xunta no eido do termalismo e o deporte neste territorio, entre as que destacou a mellora do acceso á área termal de Laias que, segundo afirmou, “mellorou a calidade de vida dos preto de 1.500 veciños de Cenlle e de todos os usuarios do balneario”.
A directora de Turismo de Galicia sinalou que estas actividades relacionadas coa promoción, dinamización e fomento da riqueza da provincia de Ourense, contribúen á potenciación do territorio e a súa consolidación como destino turístico. “Ademais, tamén son un elemento esencial para a xeración de emprego e a redistribución da riqueza”, engadiu.
“O obxectivo é a procura da desestacionalización da oferta turística, a elaboración e promoción de produtos turísticos centrados no termalismo e no deporte e a promoción de produtos turísticos en mercados de proximidade”, explicou Nava Castro.
Turismo deportivo
Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta salientou que o turismo deportivo é un dos atractivos da nosa comunidade autónoma xa que “existen unhas condicións envexables para a práctica de numerosas actividades, dende os deportes tradicionais ata os deportes extremos e os náuticos”.
A directora de Turismo de Galicia resaltou que a gran riqueza que ten Galicia para a potenciación do remo é a combinación das infraestruturas necesarias para albergar un centro de concentración de referencia e dos beneficios do termalismo a través dos seus balnearios. fan da nosa comunidade un destino turístico perfecto para o adestramento ao mais alto nivel. “Con todo, este centro reúne todo o necesario para que Galicia sexa un destino turístico perfecto para o adestramentoao máis alto nivel”, afirmou.