Galicia Calidade en ruta achegou a excelencia dos produtos gastronómicos certificados pola marca a preto de 3.000 persoas
A campaña Galicia Calidade en ruta, que percorreu as sete cidades galegas, arrancando o pasado 28 de novembro en Santiago e rematando onte na Coruña, achegou a preto de 3.000 persoas a excelencia dos produtos gastronómicos galegos amparados por este selo de garantía.
Ademais, máis de 800 persoas participaron nos talleres e showcookings realizados no camión adaptado no que se desenvolveu a iniciativa, dirixidos a profesionais do sector da gastronomía, prescriptores de opinión, bloggers e xornalistas. A campaña tivo tamén unha ampla repercusión nas redes sociais, onde alcanzou unha audiencia de máis de 500.000 usuarios únicos en Facebook.
Segundo o xerente de Galicia Calidade, Alfonso Cabaleiro, a campaña é unha “experiencia moi positiva” xa que permitiu “poñer en valor a excelencia dos produtos certificados” entre consumidores especializados. Segundo explicou, é necesario que os galegos “coñezan ben os seus produtos para despois competir nos mercados máis esixentes”.
Neste sentido, Cabaleiro defendeu que a marca Galicia Calidade é “o mellor pasaporte” das empresas galegas porque representa o seu compromiso co esforzo por ofrecer os mellores produtos e servizos; e o uso das mellores prácticas para a produción, elaboración e comercialización dos produtos.
Talleres e showcookings
Nas 20 sesións desenvolvidas nas cidades galegas, chefs como Marian Rodríguez ou Iván Méndez realizaron diversos showcookings nos que demostraron versatilidade e excelencia dos produtos, aplicada a elaboracións culinarias para satisfacer aos consumidores máis esixentes. Tamén realizaron unha selección de tapas elaboradas con conservas, para demostrar as posibilidades de adaptación destes produtos a elaboracións gastronómicas moi sofisticadas.
A campaña tamén contou con sete catas de viños, nas que sumilleres da talla de Xoan Cannas, director do Instituto Galego do Viño, e Luis Paadín, autor da Guía de viños, destilados e bodegas de Galicia, xunto coa enóloga Cristina Murga, exaltaron as excelencias dos caldos das bodegas certificadas por Galicia Calidade. Tamén se desenvolveron tres talleres sobre a elaboración do café e almorzo con produtos con este selo, da man de baristas do prestixio de Oscar de Toro e Augusto Morales.
Galicia Calidade, que conta xa con 20 anos de historia, é unha marca recoñecida e valorada polos consumidores. Na actualidade, ten xa máis de 300 produtos certificados, de 51 empresas diferentes. Ademais, está a desenvolver unha estratexia de incorporación de novos sectores económicos de Galicia, como o turismo, granito, biomasa, xeotermia ou a madeira para se converter na marca global da economía galega no exterior.