Futuro Parque do Hospital en Monforte

  • O Concello xa conta cos terreos 
  • A Acta de Ocupación Definitiva dos terreos para a construción do futuro Parque do Hospital foi asinada na mañá de hoxe polo Alcalde de Monforte, José Tomé Roca
  • Dende este momento, os terreos xa son propiedade do Concello monfortino, e xa se poderá levar a cabo a adxudicanción do proxecto de construción do parque do Hospital á empresa que oferte a mellor proposta
  • O Alcalde destaca que “tras obter a propiedade dos terreos, poderemos seguir avanzando na consecución dun importante proxecto construtivo que fará que Monforte teña un novo parque público no Barrio do Hospital, dotando a esta parte da cidade dun novo servizo público e que ademais contribuirá a paliar o déficit de estacionamento que ten o Hospital Comarcal tanto para os veciños que van a consulta como os que van de visita”

 

O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, asinou na mañá de hoxe a Acta de ocupación definitiva dos terreos que serán destinados á construción do futuro Parque do Hospital.

Nun acto celebrado nos terreos do futuro parque, próximos á vía de servizo da Ronda María Emilia Casas Baamonde, o Alcalde estivo acompañado polo Secretario Municipal, José Antonio Mourelle Cillero, así como responsables do Servizo de Expropiacións da Deputación de Lugo, encargados de levar a cabo este expediente, e o anterior titular dos terreos expropiados.

A partir deste momento, destacou o Alcalde, “os terreos para a construción do futuro Parque do Hospital xa son propiedade do Concello, polo que poderemos proceder á adxudicación do proxecto construtivo, e iniciar as obras unha vez obteñamos o correspondente permiso da Consellería de Infraestruturas, xa que a zona de afección limita coa Ronda urbana María Emilia Casas Baamonde”.

Este proxecto do novo parque público do barrio do Hospital, fora dado a coñecer polo Alcalde monfortino a finais do mes de setembro de 2019, e estará ubicado na parcela que linda coa finca do Hospital Comarcal, coa rúa Corredoira, coa rúa Codesás e coa Ronda María Emilia Casas Baamonde.

Tras a declaración da urxente ocupación pola Xunta de Galicia, publicada o 17 de decembro de 2020 no DOG, o Concello iniciou o proceso de expropiación dos terreos necesarios para levar a cabo este proxecto. Unha vez adquiridos os terreos correspondentes, e coa sinatura hoxe da Acta de ocupación definitiva, o Concello levará a cabo a realización da licitación para a adxudicación do proxecto e o posterior inicio das obras de construción do novo parque.

O Alcalde destaca que

hoxe seguimos avanzando na consecución dun importante proxecto construtivo que fará que a cidade de Monforte teña un novo parque público no Barrio do Hospital, dotando a esta parte da cidade dun novo servizo público e que ademais contribuirá a paliar o déficit de estacionamento que ten o Hospital Comarcal tanto para os veciños que van a consulta como os que van de visita.

“Para o Equipo de Goberno, a atención ás persoas é un pilar fundamental da nosa acción de Goberno, e creemos que con esta obra contribuiremos a mellorar os servizos e a calidade de vida de todos os monfortinos.”

Antecedentes

O 30 de setembro de 2019 o Alcalde de Monforte deu a coñecer un proxecto para a construción dun novo Parque público no Barrio do Hospital. Ese mesmo día, iniciouse o procedemento para alcanzar estes obxectivos de construción do novo parque, xa que o Pleno da Corporación municipal aprobou a declaración de interese social da parcela onde se ideou construír o novo parque.

Posteriormente, no Pleno celebrado o pasado 24 de febreiro de 2020, acordou solicitar á Deputación Provincial de Lugo a tramitación perante a Xunta de Galicia da declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa deste proxectodo Parque do Barrio do Hospital, ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. Neste senso, os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Con data 7 de agosto de 2020, tivo entrada no rexistro do Portelo Único da Xunta de Galicia a solicitude da Deputación Provincial de Lugo por delegación do Concello de Monforte de Lemos e parte do expediente, e con data do 13 de outubro, a Deputación de Lugo presentou documentación complementaria,  contendo o expediente a xustificación acreditativa da motivación para a declaración de urxente ocupación.

Este expediente foi tratado na Comisión de Secretarios Xerais previa á súa elevación ó Consello da Xunta de Galicia. O expediente contén a documentación a que se refire o artigo primeiro da Orde do 7 de decembro de 1983, sobre declaracións de urxente ocupación, así como a exixida no artigo 3 da Lei 11/1996, do 27 de decembro, de medidas de disciplina orzamentaria.

Deste xeito, considerouse necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, debido a que na zona obxecto da intervención a carencia de prazas de aparcadoiro representa un problema de tal magnitude que afecta notablemente a seguridade da circulación urbana da zona e que ó ocuparse zonas non destinadas ó aparcadoiro se podería dificultar notablemente a circulación dos vehículos de urxencias, como ambulancias e camións de bombeiros.

Así, a citada carencia de prazas de aparcadoiro representa un grave problema que afecta notablemente a seguridade da circulación urbana da zona e crea, ademais, posibles dificultades para o acceso de vehículos de urxencias (ambulancias e bombeiros) e constitúe una circunstancia de gran excepcionalidade para esa parte da cidade.

Celebrada a reunión do Consello da Xunta de Galicia o pasado 3 de decembro de 2020, nela acordouse autorizar a expropiación dos citados terreos. Así, a disposición publicada o 17 de decembro de 2020 no DOG indicaba que “de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto denominado Parque do Barrio do Hospital, no término municipal de Monforte de Lemos (Lugo), e deben, se for o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obterse as autorizacións necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras”. 

Carácter integral do novo parque público do Hospital

O 30 de setembro de 2019 o Alcalde de Monforte deu a coñecer un proxecto para a construción dun novo Parque público no Barrio do Hospital. Ese mesmo día, iniciouse o procedemento para alcanzar estes obxectivos de construción do novo parque, xa que o Pleno da Corporación municipal aprobou a declaración de interese social da parcela onde se ideou construír esta nova infraestrutura urbana. O pasado 17 de decembro de 2020, o Concello obtivo da Xunta de Galicia o permiso para expropiar os terreos necesarios para levar a cabo este proxecto do futuro Parque do Hospital. E hoxe o Concello puxo en marcha o proceso para a licitación das obras de construción do novo Parque.

O novo parque público do Barrio do Hospital ideado polo Equipo de Goberno monfortino terá un carácter integral para dar resposta a varias cuestións ó mesmo tempo, de tal xeito que vai incluír varias zonas de céspede, unha zona de xogos infantís, paseos peonís lonxitudinais e transversais, estará dotado de varios elementos biosaudables de ximnasia para maiores e finalmente contribuirá a paliar o déficit de estacionamento na zona do Hospital contando co aproximadamente 60 prazas de estacionamento para vehículos e tamén contará con estacionamentos para motos, para bicicletas e prazas para minusválidos.

A superficie da parcela que albergará este parque será de aproximadamente 6.212 metros cadrados, unha extensión moi importante e que ven dar un servizo público do que carece esa zona da cidade.

O Barrio do Hospital

O Barrio do Hospital atópase situado ó noroeste do centro urbano de Monforte de Lemos entre as zonas do seu casco histórico coñecidas como Abeledos e Ramberde e a Rolda María Emilia Casas Baamonde (tramo urbano da LU-644 situado ao leste da LU-617), barrio xurdido a finais do século pasado, a raíz da construción no lugar do Hospital Comarcal de Monforte e á apertura da referida Rolda María Emilia Casas, vial que veu comunicar as partes este e oeste da zona norte da cidade, divididas pola canle do Río Cabe.

Todo isto derivou que nas últimas décadas, esta parte norte da cidade e en especial o Barrio do Hospital, sexa a zona da cidade que experimentou un maior desenvolvemento, cun notable aumento de poboación e o establecemento de novos comercios de toda índole, como por exemplo o supermercado “Mercadona” de grandes dimensións existente na contorna próxima do Hospital Comarcal que acaba recentemente de ser ampliado.

A confluencia destes servizos no Barrio do Hospital fai que o número de persoas que se achegan ao mesmo sexa moi elevado, en especial, nas franxas horarias de maior afluencia ó Hospital Comarcal, así coma ó novo supermercado. Hai que ter en conta que o Hospital Comarcal constitúe, si non o que máis, si un dos lugares que congrega un maior número de persoas da zona sur da provincia, dado o número de traballadores que emprega e os usuarios diarios que atende.

Así mesmo, a apertura no ano 2015 do último tramo, con chegada á cidade de Monforte de Lemos, da estrada CG2.2 (Vía de Altas Prestacións Lugo-Monforte), a cal na súa parte final circunvala o norte do núcleo urbano de Monforte de Lemos e cuxos accesos a leste, conflúen na contorna do Barrio do Hospital, provocou que o número de vehículos que circulan por estas viuse acrecentado de forma exponencial, sendo estes agora mesmo os máis utilizados polos usuarios que se achegan á cidade desde o norte da provincia.

O gran desenvolvemento acadado polo barrio, fai necesaria a dotación de novos espazos públicos destinados a cubrir as necesidades da poboación desta zona, formada en gran parte por xente nova con nenos. Deste xeito, o Equipo de Goberno monfortino leva a cabo, con este proxecto, a creación de novos espazos destinados ó lecer e esparcemento para este barrio, que actualmente conta cunha área de xogos infantís na esquina das rúas Abeledos e Irmáns Dapena e outra con elementos biosaudables na rúa Corredoira.

Por outra banda, a poboación visitante que acode ó Barrio do Hospital buscando os servizos que nela se congregan, procedentes tanto de Monforte de Lemos como de toda a comarca e que na súa gran maioría achéganse ao lugar en vehículos particulares, atópanse co problema da falta de estacionamento, a pesar do número de prazas de aparcamento que alberga o recinto do Hospital Comarcal, problema que levou a proxectar, por parte do Concello, unha nova zona de aparcamentos, que contará con aproximadamente 60 prazas.

O Concello de Monforte de Lemos atendendo a estas necesidade de dotar ó Barrio do Hospital de prazas de estacionamento de vehículos e espazos libres para o esparcemento da poboación (parques, xardíns e áreas de xogo), ante a inexistencia na zona de chan de titularidade municipal para a implantación de devanditos servizos, viuse na necesidade de buscar terreo para este fin, sendo idónea a adquisición da parcela de terreo libre situada entre a Rda. María Emilia Casas Baamonde, a rúa Corredoira e o recinto do Hospital Comarcal.

En dita parcela, o Concello acometerá a construción do novo Parque do Barrio do Hospital, que albergará unha nova área de xogos infantís, de máis de 1.000 m2 de superficie, grandes zonas axardinadas e sendas para o paseo que enlazará co xa existente en paralelo á Rda. María Emilia Casas Baamonde, proveniente desde o leste (zona da Estación de Autobuses, Instituto Río Cabe, Paseo do Malecón, Edificio Multiusos e instalacións do Club Fluvial). Ademais, crearase un número importante de novas prazas de estacionamento, estimado en 60 prazas.

También te podría gustar...