Fundación Amancio Ortega, 17 millóns de euros para a incorporación de novos mamógrafos e aceleradores lineais
O titular da Xunta, acompañado polo conselleiro de Sanidade, presidiu o acto de presentación e sinatura do convenio de colaboración entre o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Amancio Ortega.
Feijóo agradece á Fundación Amancio Ortega o investimento de 17 millóns de euros para a incorporación de novos mamógrafos e aceleradores lineais, “a maior doazón que tivo o Sergas, non só polo cuantitativo, senón polo cualitativo”
- Apunta que o novo equipamento permitirá incorporar novos mamógrafos dixitais nun total de 16 centros do Sergas, de xeito que se poida seguir desenvolvendo coa tecnoloxía máis vangardista o Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama
- Sinala que se instalarán 10 aceleradores lineais nos servizos de radioterapia e actualizaranse dous equipos xa existentes
- O obxectivo destes novos equipamentos é, como dixo o presidente do Goberno galego, mellorar a atención dos máis de 220.000 doentes que atenden estes servizos, incrementar a eficiencia diagnóstica, lograr unha menor exposición dos pacientes, aumentar a eficacia dos tratamentos e reducir a súa duración
- Indica que este convenio intégrase no programa que a Xunta ten previsto para os vindeiros anos co fin de renovar a tecnoloxía nos centros do Sergas e que contará cun investimento estimado de 88 millóns de euros
- Destaca que o que está a facer a Fundación Amancio Ortega forma parte da conciencia colectiva e está contribuíndo a que esa magnitude que se podería chamar Produto Interior Solidario, medre en Galicia de maneira
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor hoxe a implicación da Fundación Amancio Ortega coa sanidade pública galega, na que investirá 17 millóns de euros para a incorporación de novos equipos avanzados de diagnóstico e tratamento do cancro, mamógrafos e aceleradores lineais, e as obras necesarias de adaptación dos espazos nos que se instalarán. Trátase da “maior doazón que tivo o Servizo Galego de Saúde, non só polo cuantitativo, senón polo cualitativo”.
Así o expresaba o máximo responsable autonómico no acto de presentación e sinatura do convenio de colaboración entre o Sergas e a Fundación Amancio Ortega, ao que asistiu acompañado polo titular de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña.
Como explicou Feijóo, o novo equipamento permitirá incorporar novos mamógrafos dixitais nun total de 16 centros do Sergas, de xeito que se poida seguir desenvolvendo coa tecnoloxía máis vangardista o Programa de Detección Precoz do Cancro de Mama, que o pasado ano acadou máximos históricos de mulleres convidadas e participantes. Así, en 2014 atendéronse a un total de 155.336 mulleres, o que permitiu diagnosticar de xeito precoz 635 cancros no seo deste programa.
No que atinxe aos equipos de radioterapia, o titular da Xunta sinalou que se instalarán 10 aceleradores lineais nos servizos de radioterapia e actualizaranse dous equipos xa existentes. Con respecto a isto, Feijóo matizou que as primeiras instalacións xa se comezarán a realizar antes de Nadal, mentres que as restantes a medida que se vaia esgotando a vida útil dos equipos que están a funcionar neste momento. O obxectivo destes novos equipamentos é, como dixo o presidente do Goberno galego, mellorar a atención dos máis de 220.000 doentes que atenden estes servizos, incrementar a eficiencia diagnóstica, lograr unha menor exposición dos pacientes, aumentar a eficacia dos tratamentos e reducir a súa duración. “Falamos de mellorar a calidade de vida, mesmo de prolongala, de moita xente, e iso non pode cuantificarse de ningunha maneira”, aseverou o máximo responsable da Xunta.
Por outra banda, Feijóo fixo fincapé en que este convenio intégrase no programa a Xunta ten previsto para os vindeiros anos co fin de renovar a tecnoloxía nos centros do Sergas, e que contará cun investimento estimado de 88 millóns de euros.
Exemplo de solidariedade Como destacou o presidente, Galicia conta cunha sanidade pública exemplar na que conflúen tanto o esforzo tributario dos contribuíntes, como a preparación magnífica do persoal sanitario, como a xestión política das administracións.
Do mesmo xeito, Feijóo quixo agradecer de xeito especial a filantropía e solidariedade dunha Fundación que avoga por axudar desde a discreción que a caracteriza. Neste senso, sinalou tamén que este organismo é reflexo dunha concepción ampla do benestar que inclúe dotacións de última xeración como as que hoxe se presenta, financiamento de centros asistenciais, garderías públicas, ou bolsas que abren o horizonte de moitos mozos.