Francisco Pérez Villanueva ‘Quico’, Premio «Pura e Dora Vázquez» de Ilustración

  • O coruñés Francisco Pérez Villanueva gaña o XIII Premio «Pura e Dora Vázquez» de Ilustración
  • O xurado que fallou o premio onte no Centro Cultural «Marcos Valcárcel» destacou que as ilustracións gañadoras «reflicten unha orixinalidade e creatividade especiais»
Reunión do xurado do premio XIII Pura e Dora Vázquez de Ilustración

Reunión do xurado do premio XIII Pura e Dora Vázquez de Ilustración

 

O ilustrador coruñés Francisco Pérez Villanueva «Quico» (Noia, 1975) foi o gañador do XIII premio de literatura infantil e xuvenil «Pura e Dora Vázquez» na modalidade de Ilustración, dotado con 1.500 euros, que convoca a Deputación de Ourense.

O xurado reunido onte Centro Cultural «Marcos Valcárcel» asegurou do traballo galardoado que as ilustracións «reflicten unha orixinalidade e creatividade especiais». Asemade o xurado puxo de manifesto que «denotan unha grande imaxinación do autor e ademais teñen unha grande calidade artística, cunhas tonalidades moi agradables á vista e que combinan moi ben coa historia que ilustra».

Das obras presentadas ao certame na modalidade de Ilustración nesta edición, o xurado destacou o inmenso traballo que hai detrás de todas as obras presentadas, «o nivel é moi alto e custou moito traballo a decisión pero ao final o fixaron por unanimidade».

Os traballos presentados ao certame nesta modalidade de ilustración foron obras inéditas e orixinais baseadas no texto gañador do premio de narración desta edición da escritora compostelá Montserrat Pis Marcos, titulado «Dos estranos ollos de Damaluar e das aventuras que lle sucederon o día que desapareceron as súas zapatillas».

O xurado da XIII edición do «Premio Pura e Dora Vázquez de Ilustración» estivo presidido polo deputado provincial de Cultura, Manuel Doval, e integrado como vogais por José Manuel Fernández López, Carlos Rodríguez Calvo, Mario González Sánchez e Xosé Manuel Cid Fernández, actuando como secretaria Ana María Malingre Rodríguez.

Francisco Pérez Villanueva, coñecido como «Quico» no mundo artístico, naceu en Noia (A Coruña), no ano 1975. Estudou na Escola de Artes e Oficios de Lugo, Gravado e técnica de estampación. Francisco Pérez gañou o primeiro premio «La tira por los derechos humanos» no ano 2010, e no ano 2003, o primeiro premio «Agora Cultural» polo cómic «Tan lejos, tan cerca».

O premio «Pura e Dora Vázquez» ten como obxectivo fomentar a lectura no público máis novo e á vez recoñecer o traballo de autores literarios e artísticos, unindo na obra premiada estas dúas disciplinas creativas. O libro incluirá o texto gañador e as ilustracións galardoadas polo xurado, e empregarase como elemento de difusión e divulgación en campañas de animación á lectura.

También te podría gustar...