Francisco García, presidente do Consello Regulador: «a Feira foi un rotundo éxito en todos os aspectos»
- Máis de 7.000 degustacións, rexistradas na XIX Feira do Viño de Valdeorras
- O foro vinícola, celebrado no Barco, atraeu a máis de 6.000 persoas
Desde o Consello Regulador estímase que a XIX Feira do Viño de Valdeorras, que se celebrou esta fin de semana no Barco, atraeu a máis de 6.000 visitantes. En total, servíronse por riba das 7.000 degustacións, case un 15% máis que en 2015. Para o presidente do Consello Regulador, “a Feira foi un rotundo éxito en todos os aspectos, grazas ás bodegas participantes e á afluencia de público interesado neste sector, que tantos postos de traballo crea e que sitúa a Valdeorras no mapa mundial”.
Xunto a isto, Francisco García expresou o seu desexo de que na vindeira edición, coincidindo co 60 aniversario da D.O., “participen todas as bodegas, especialmente as que subiron a este tren que leva en marcha case seis décadas grazas ao traballo, a constancia, a dedicación e o esforzo económico dos pioneiros locais do sector”.