Formación especializada e personalizada para os desempregados de Valdeorras

  • A Xunta amplía as oportunidades laborais dos desempregados de Valdeorras con formación especializada e personalizada
  • O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, participou onte na entrega de diplomas do obradoiro ‘O Barco, Carballeda e Rubiá embelecen’ e visitou aos alumnos do plan integrado da Asociación Empresarial de Valdeorras
  • A Consellería de Economía, Emprego e Industria destinou a estas dous actuacións máis de 500.000 euros
  • O obxectivo dos plans integrados é a colaboración cos concellos co fin de que poidan mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral dos seus veciños
  • Os participantes no obradoiro formáronse e recibiron certificados de profesionalidade con validez en todo o Estado nas especialidades de albanelería, forxa e carpintería
  • Marnotes salientou que Axenda 20 para o Emprego aposta pola formación e aprendizaxe e polo traballo estable e de calidade

180316 Marnotes O Barco 1

 

O director xeral de Orientación e Promoción Laboral, Alfonso Marnotes, visitou onte no Barco aos 60 alumnos e alumnas participantes no plan integrado de emprego da Asociación Empresarial de Valdeorras ‘Aeva Emprego IV’, unha iniciativa na que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a destinar 144.000 euros.

Neste programa están a recibir formación especializada e personalizada persoas desempregadas en risco de exclusión social, menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas con discapacidade e mulleres sen emprego, entre outros colectivos con especial dificultade para o acceso laboral. O obxectivo mínimo de inserción é do 42%, o que vai significar un total de 25 insercións laborais.

Esta iniciativa, que rematará en setembro, ofrece aos seus participantes itinerarios personalizados para mellorar a procura dun posto de traballo. A actuación está dirixida á inserción laboral das persoas desempregadas e ten como obxectivo o desenvolvemento de plans integrais que combinen accións de diversa natureza, como orientación e asesoramento, formación, prácticas laborais e mobilidade xeográfica. O programa establece uns obxectivos de inserción laboral dos traballadores que participan nel, tendo que acadar un emprego como mínimo o 25% dos participantes.

Marnotes explicou que a Consellería de Economía, Emprego e Industria publicou xa a convocatoria de axudas para este ano dos plans integrados de emprego que contan con preto de 3 millóns de euros de orzamento para beneficiar a 1.600 persoas. O director xeral resaltou que “esta actuación está enfocada á colaboración cos concellos co fin de que poidan mellorar a ocupabilidade e a inserción laboral dos veciños desempregados”.

O director xeral, ademais, participou na clausura e entrega de diplomas do obradoiro ‘O Barco, Carballeda e Rubiá embelecen’, un programa no que 20 desempregados das tres localidades recibiron formación de calidade nas especialidades de albanelería, forxa e carpintería, obtendo un certificado de profesionalidade con validez en todo o territorio nacional en traballos de carpintería e moble, operacións auxiliares de acabados ríxidos e urbanización e ferrallista. Os alumnos e alumnas accederon tamén a un emprego, realizando diversas melloras en diferentes espazos das tres localidades.

Axenda 20 para o Emprego
O director xeral de Orientación e Promoción Laboral salientou que “apostar pola formación e a aprendizaxe é apostar pola creación de empregos estables e de calidade” e, neste senso, indicou que unha das prioridades do Goberno galego é mellorar a cualificación dos traballadores e traballadoras, un eixo que se plasma na Axenda 20 para o Emprego que vén de activar a Xunta.

Ademais, indicou que estes programas, ademais de promover a formación e o acceso a un emprego, fomentan a colaboración institucional, xa que se realizan en coordinación coas Administracións locais. Por todas estas vantaxes que ofrecen os obradoiros, Marnotes afirmou que o Goberno galego inviste este ano un total de 14 millóns de euros nestes programas.

180316 Marnotes O Barco

También te podría gustar...