Formación en ciberseguridade
- O CPETIG e a Amtega forman a 25 profesionais en ciberseguridade
- Ambas entidades ofrecen esta formación especializada en resposta á crecente demanda deste perfil profesional ao servizo das empresas e das organizacións
- O curso será impartido por Gonzalo Sotelo, responsable do equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra, e Juan Luis G. Rambla, director técnico da área de seguridade TIC de Sidertia Solutions
O Colexio de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega), impartirá un curso de formación en ciberseguridade os días 9, 10, 16 e 17 de setembro. As xornadas, que se celebran en Santiago, asistirán un grupo de 25 profesionais, que esgotaron as prazas ofertadas.
O curso busca dar resposta ao grave escollo que supón a ciberdelincuencia para as empresas e organizacións nun dobre plano. Por unha banda, polos prexuízos que pode supoñer ao negocio en termos de roubo de información ou espionaxe e, por outra, polo descoñecemento xeneralizado do tecido empresarial á hora de implementar as solucións oportunas ante este tipo de delitos.
Vinte horas de formación, en dous módulos
O curso ofrece aos profesionais participantes coñecementos e capacidades necesarias para a xestión e administración da seguridade nas organizacións, segundo os modelos de ameazas actuais. O obxectivo é que adquiran as destrezas para configurar de forma segura os sistemas operativos e as aplicacións, servizos e tecnoloxías empregadas en redes corporativas.
O primeiro dos módulos, previsto para os días 9 e 10 na Cidade da Cultura, adícase a Protocolos ante Ciberataques e incidentes en Seguridade TI, e será impartido por Gonzalo Sotelo, responsable do equipo de Investigación Tecnolóxica da Garda Civil de Pontevedra.
Os seus contidos abranguen un amplo abano de temas, centrados especialmente na preparación de posibles incidentes de seguridade e o manexo destes incidentes, con atención tamén aos dispositivos móbiles e ás tendencias de novas ameazas.
O segundo dos módulos será os días 16 e 17 de setembro, impartido por Juan Luis G. Rambla, director técnico da área de seguridade TIC de Sidertia Solutions. O programa inclúe temas como o bastionado dos sistemas, a trazabilidade das accións, as ameazas contra a dispoñibilidade e integridade, criptografía aplicada e aproximación a un modelo de seguridade integral.
Ao remate da formación, as persoas asistentes terán coñecementos para facer unha implementación segura da protección necesaria en empresas e organizacións, protexendo os datos e infraestruturas manexadas en cada unha das súas capas. Controlarán, asemade, os mecanismos para evitar a fuga de información.
O contexto actual obriga ás compañías a estar moi atentas ás novas ameazas a medida que almacenan, procesan e analizan máis e máis datos. Para as organizacións este é un complexo desafío que debe ser abordado por profesionais especializados, un perfil cada vez máis demandado tanto por grandes como pequenas e medianas empresas, que temen ver vulnerada a información sobre a súa actividade e necesitan estar preparadas para dar resposta ante posibles incidentes de ciberseguridade.