Folgoso: modificación de crédito para axudar aos hostaleiros afectados polos incendios deste verán
- O Concello de Folgoso do Courel aproba unha modificación de crédito para axudar aos hostaleiros afectados polos incendios deste verán
- As axudas estarán financiadas con cargo ao remanente líquido de tesourería para gastos xerais resultante da liquidación do exercicio anterior
- A proposta de Alcaldía, aprobada pola unanimidade do Pleno, destinará 15.000 euros a axudar ao sector hostaleiro que viu afectada a súa actividade pola vaga de lumes
O Pleno ordinario do pasado venres aprobou por unanimidade unha proposta de Alcaldía para a modificación do orzamento en vigor baixo a modalidade de crédito extraordinario para axudar ao sector da hostalería afectado polos incendios deste verán.
Os incendios forestais iniciados o 14 de xullo de 2022 afectaron gravemente a actividade turística do municipio, que sufriu considerables consecuencias desde a produción dos lumes ata a actualidade, padecendo os hostaleiros da contorna importantes prexuízos económicos desde entón.
Os incendios provocaron entre outros prexuízos, danos materiais ocasionados nas propios instalacións e infraestruturas hostaleiras, o peche da actividade ata a estabilización da situación incendiaria, así como o inevitable detrimento sufrido polo municipio en xeral no que respecta á actividade turística, o que se evidenciou principalmente na cancelación de reservas durante toda a época estival.
O Concello de Folgoso do Courel amosa así a súa intención de contribuír economicamente a paliar as consecuencias económicas negativas producidas como consecuencia dos incendios forestais de xullo aos hostaleiros do municipio. O anexo de subvencións que acompaña ao orzamento vixente non fai referencia a estas axudas nin existe dotación para afontar ditos gastos, polo que foi preciso realizar unha modificación orzamentaria de crédito extraordinario de cara a ter crédito adecuado e suficiente para a execución dos gastos, para posteriormente proceder a modificar o anexo de subvencións que acompaña ao orzamento municipal do ano 2022.
O crédito será financiado con cargo ao remanente líquido de tesoureira para gastos xerais resultante da liquidación do exercicio anterior e ascenderá a 15.000 euros.
Unha vez remate o período de reclamacións o Concello de Folgos do Courel elaborará as bases que van rexer estas axudas para que o sector poida solicitalas.