Folgoso liderará os traballos de recuperación das zonas afectadas polo lume

  • O Concello de Folgoso do Courel liderará os traballos de recuperación das zonas afectadas polo lume e a petición de axudas
  • O Goberno local estuda xa o procedemento para solicitar a declaración de zona catastrófica
  • Demandarán a presenza no Concello de persoal técnico da Xunta para axudar aos veciños e veciñas a tramitar a orde aprobada polo Goberno galego este xoves para a reparación dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022

 

O Concello de Folgoso do Courel liderará os traballos de recuperación das zonas afectadas pola vaga de lumes e a petición de axudas.

Así, o Goberno local estuda xa o procedemento para solicitar a declaración de zona catastrófica para que tanto a administración local como os veciños e veciñas poidan recibir compensacións económicas que axuden a paliar os danos causados polo lume.

“Os efectos son devastadores a todos os niveis, polo que cantas máis axudas poidamos recibir máis nos vai axudar na recuperación que temos por diante”, explica a alcaldesa, Lola Castro.

Estas axudas que ten que conceder o Estado serían compatibles con outras, como as aprobadas este xoves polo Consello da Xunta para a reparación dos danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de xullo de 2022.

A alcaldesa anuncia ademais que pedirán a presenza no Concello de persoal técnico da Xunta para axudar aos veciños e veciñas a tramitar a orde aprobada polo Goberno galego á que poden acceder as persoas que sufriran danos nas vivendas, os titulares dos establecementos comerciais, mercantís, industriais e turísticos, os titulares de explotacións agrícolas, forestais e gandeiras, as entidades locais, os titulares de terreos cinexéticos e os de infraestruturas de uso público do medio natural.

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220722/AnuncioV0654-210722-0005_es.html

 

Queremos ir da man dos veciños e veciñas en todo momento e que poidan solicitar o  maior número de axudas posible e que teñan todas as facilidades ao seu alcance para poder facelo

, precisa.

También te podría gustar...