Folgoso concede a todos os autónomos e pemes as axudas que solicitaron pola crise da covid-19
- Un total de 11 traballadores por conta propia e micropemes vense beneficiados polo Plan de Axuda á Reactivación da Actividade Económica do municipio
O Concello de Folgoso do Courel resolve as axudas a empresarios e autónomos articuladas no Plan de Axuda á Reactivación da Actividade Económica do municipio como consecuencia da declaración do estado de alarma para a xestión da crise ocasionada pola covid-19 en marzo deste ano.
O Goberno local concedeulle as axudas a todas as persoas que as solicitaron, un total de 11 autónomos e empresarios da localidade, que recibirán un importe máximo de 1.000 euros.
A liña de axudas está destinada a actuacións no ámbito económico, mantemento da actividade económica e dos seus postos de traballo en negocios de empresarios/as e autónomos/as, ben por peche temporal ou por minoración ostensible da súa actividade.
Estas axudas son compatibles con calquera outra subvención, axuda, ingreso ou recurso procedente doutras Administracións ou entes, públicos ou privados, rexionais, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre e cando o importe total das axudas que se perciba non supere as perdas económicas derivadas da covid-19 e os gastos necesarios para adecuación de locais para a reapertura dos seus negocios.
Beneficiarios das axudas
Son beneficiarios destas axudas as persoas traballadoras por conta propia e as micropemes que se viran afectadas como consecuencia da declaración do estado de alarma para a xestión da Covid-19, ben por peche temporal da actividade ou por minoración ostensible da súa actividade que supuxera unha caída de máis do 75 % dos seus ingresos en relación coa media efectuada no semestre natural anterior á declaración do estado de alarma en marzo de 2020.
Son actuacións obxecto das axudas: as cotas de autónomo, os gastos de persoal contratado, gastos de arrendamento de locais, gastos de mantemento de subministracións, maquinaria, instalacións e equipos adscritos directamente á actividade que se viña desenvolvendo, equipamento informático, tecnolóxico e formación relacionada coas novas tecnoloxías, asistencia externa para labores de desinfección de equipos, consultoría ou asistencia para dar resposta á situación, gastos a primas de seguros da actividade, pagos vencidos a provedores da actividade.
As persoas beneficiarias comprométense, entre outros requisitos, a manter a actividade como mínimo durante 6 meses a partir da resolución da concesión das axudas e a manter a plantilla media de traballadores que tiñan na data de entrada en vigor do Real decreto 463/2020, de 14 de marzo, durante, a lo menos, os seis meses seguintes á finalización do período de peche obrigatorio e/ou diminución da actividade.