Focus Galicia estará na provincia de Ourense con ‘Showcases’ nas adegas do Ribeiro e un concerto no Teatro Principal

O conselleiro Xesús Vázquez Abad presentou hoxe as actividades previstas na provincia de Ourense

 

A cidade de Ourense e a comarca do Ribeiro centrarán este martes 21 a actividade do Focus Galicia, unha iniciativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que busca impulsar a proxección internacional da nosa música a través do encontro entre artistas galegos e programadores chegados de 16 países de catro continentes.

O conselleiro Xesús Vázquez Abad presentou hoxe as actividades previstas na provincia de Ourense, que –xunto con Santiago e A Coruña– constitúe un dos destinos específicos desta delegación internacional. Os 27 xestores musicais que a integran participarán en visitas culturais e turísticas, ademais de asistir a cadanseu ‘showcase’ de Abe Rábade e Daniel Minimalia nas adegas Viña Mein e Ramón do Casar e ao concerto que Caxade e Cuarteto Caramuxo ofrecerán ás 19.00 horas no Teatro Principal.

Este último concerto estará tamén aberto ao público xeral como xeito de compartir Focus Galicia coa cidadanía. A entrada será gratuíta, previa recollida dos convites no despacho de billetes do Principal (o luns, de 12.00 a 14.00 h, e o propio martes desde as 17.00 h).

O titular de Cultura e Educación estivo acompañado nesta presentación polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, así como polos representantes das institucións e entidades ourensás que colaboran na iniciativa: o asesor de Política Cultural da Deputación Provincial, César Fernández; o presidente do Consello Regulador Denominación de Orixe Ribeiro, Miguel Ángel Viso Diéguez; e a directora xerente do Teatro Principal, Olga Mojón, ademais do músico Daniel Minimalia.

También te podría gustar...