Firmado entre Deputación, CHMS e Concello de Petín convenio para a mellora do saneamento de Portomourisco

Francisco Marín, Manuel Baltar e Miguel Bautista

 

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Francisco Marín, e o alcalde de Petín, Miguel Bautista, asinaron hoxe no Centro Cultural “Marcos Valcárcel” o protocolo de colaboración para o proxecto de mellora de tratamento de augas residuais de Portomourisco, no municipio de Petín.

O investimento, asumido ao 50 % pola Deputación de Ourense e o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da CHMS, ascende a 55.000 euros, mentres que o Concello de Petín é o encargado de poñer a disposición os terreos necesarios para levar a cabo as actuacións.

O obxecto do proxecto é a mellora do tratamento das augas residuais do núcleo de Portomourisco (Petín), que conta actualmente cun sistema de saneamento cuxo funcionamento é deficiente e está a invadir o dominio público hidráulico. Segundo os técnicos, para dar solución á problemática proxectouse a execución dunha zona húmida artificial, conseguindo así o tratamento suficiente dos caudais efluentes antes da súa incorporación ao río, e cuxo mantemento sexa sostible para a economía local.

Manuel Baltar dixo que a cooperación entre as tres administracións: Deputación, Confederación Hidrográfica e Concello de Petín “fixo posible esta necesaria actuación medioambiental no núcleo de Portomourisco” e subliñou o labor que a CHMS ven desenvolvendo cos concellos da provincia de Ourense “incluíndo na súa programación anual actuacións que contribúen á mellora das contornas dos nosos ríos e as poboacións polas que pasan”.

Francisco Marín explicou que con esta actuación “preténdese mellorar a depuración das augas residuais deste núcleo e restaurar o dominio público hidráulico, eliminando a foxa existente que invade a canle, todo iso para mellorar a calidade das augas do río Xares e dar cumprimento aos obxectivos medioambientais que establece a Directiva Marco da Auga e a súa transposición ao noso ordenamento xurídico».

Marín subliñou que a técnica empregada para o saneamento de Portomourisco “é innovadora e de baixo consumo enerxético e mantemento, pois faise cos denominados “filtros verdes” que consisten na aplicación dun caudal controlado de auga residual sobre a superficie dun terreo onde previamente se instalou unha masa forestal ou de cultivo. Con elo conséguese a depuración do efluente e o crecemento de especies vexetais así como a recarga artificial do acuífero. A depuración realízase pola acción conxunta do solo, os microorganismos e as plantas.

Finalmente, o alcalde, Miguel Bautista, dixo que esta é “unha obra demandada hai tempo e moi necesaria para o saneamento deste núcleo e tamén para mellorar a calidade das augas do Xares” e agradeceu á Deputación de Ourense e á CHMS que sufragasen este proxecto.

 

 

También te podría gustar...