Fin de semana musical e cultural en Quiroga
Suspendidas as actividades da Feira do Viño que podían concentrar gran número de asistentes, o Concello de Quiroga convida a un lecer alternativo cheo de alternativas de lecer e entretemento.
A exposición “40 anos da Feira do Viño de Quiroga”, coas botellas dos caldos que acudiron á maioría das feiras do viño e acompañadas dos carteis anunciadores, poderá verse novamente na entrada do Auditorio Municipal. Esta exposición presentábase na pasada Semana Santa como lembranza da data na que se tiña que celebrar a feira, servindo de homenaxe aos adegueiros que pasaron polas feiras do viño de Quiroga.
O sábado 24 de xullo o grupo Festicultores Troup animará as rúas da vila coa súa espectacular e festeira posta en escena a partir das nove da noite.
O domingo 25, coincidindo co Día de Galicia, ás 12:45 h. farase unha recepción aos colectivos culturais do municipio, para a continuación disfrutar dun concerto da Banda de Música Santádega. A actuación, que forma parte do programa “O país das bandas”, terá lugar diante da casa consistorial e conta co patrocinio do Xacobeo 21/22, da Xunta de Galicia e da Federación Galega de Bandas de Música Populares.
Pola tarde, a partir das 20:00 h., o parque da Constitución acollerá un espectáculo para a cativada. Chega a Quiroga o grupo Pakolas con “Ramona Órbita, a dona do tempo”. Esta actuación está enmarcada dentro do programa Ler conta moito da Rede de Bibliotecas de Galicia.
E para rematar por todo o alto, a partires das 21:00 h. a Charanga Louband recorrerá as rúas da vila quiroguesa despedindo unha fin de semana intensa e alternativa para cubrir os días que acollerían a Feira do Viño. En calquera caso, dende o concello indican que isto é un pequeno anticipo do “Verán cultural de Quiroga” que acollerá numerosas actuación para todos os públicos durante o mes de agosto.