Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral
- O Festival Atlántica celebra o Día Internacional da Narración Oral con espectáculos e lectura do Manifesto
- As actividades desenvolveranse ao redor do 20 de marzo e nela colaboran Sete Falares, Falando a Boca Chea e integrantes do Colectivo NOGA
- Unha vintena de artistas espallaranse por varias cidades e vilas do país para celebrar a arte máis antiga do mundo
A X edición do Festival Atlántica vaise celebrar durante o verán, máis o encontro non quere deixar de festexar unha das súas citas máis emblemáticas: o Día Internacional da Narración Oral. Daquela, o 20 de marzo, unha trintena de espectáculos vanse desenvolver en múltiples puntos de Galicia grazas á colaboración cos festivais Sete Falares de Pontevedra e Falando a Boca Chea da Coruña e mais os integrantes do colectivo NOGA.
As historias en estado puro percorrerán os barrios, bibliotecas, teatros e auditorios de Santiago de Compostela, Pontevedra, A Coruña, Marín, A Laracha, Narón, Culleredo, Portonovo, Cangas, Alfoz, Soutomaior, Oleiros, Fene, Brión, Ribeira e Ourense. Será un día de festa e tamén de reivindicación.
Entre os artistas participantes figuran Vero Rilo e Penadique, José Luis Gutierrez ‘Guti’, Erica González, Raquel Queizás, Dani Blanco, Cristina Collazo, Charo Pita, Pablo Díaz, Atenea García, Celso F. Sanmartín, Anxo Moure, Servando Barreiro, Ramiro Neira, Larraitz Urruzola, Mirari Urruzola, Cris de Caldas, Iseo a Moura, Candido Pazó, Quico Cadaval, Sole Felloza, Paula Carballeira, Tarabelos, Pavís Pavós, Baobab, Migallas e Polo Correo do Vento.
Ademais, nesta edición o escritor, investigador e creador da web Galicia Encantada Antonio Reigosa é o autor do Manifesto, un texto que dende hoxe chegará aos centros de ensino, bibliotecas e concellos para lembrar nestes tempos tan especiais a importancia e a necesidade das historias a viva voz, o encontro cos outros para celebrar a memoria, a identidade e a lingua.
A información sobre as diferentes actividades vaise difundir a través das redes sociais das entidades participantes.
Unha arte de sempre e moi viva
A narración oral é unha arte escénica de pequeno formato que está presente en todas as programacións de xeito diario en Galicia. Programacións que o colectivo de narradores e narradoras galegas insta a ser retomadas, principalmente naqueles concellos e espazos que permanecen pechados dende o comezo da pandemia.
Para os eventos culturais e para os artistas en particular estes dous anos foron moi duros, de reinventarse e adaptarse a mil situacións diferentes e conmemoran o seu día coa alegría e coa ilusión de tempos novos ubicando a Galicia e a súa lingua no mapa universal das historias.
No Día Internacional da Narración Oral conmemórase a arte de narrar de viva voz, manifestación artística tamén denominada contacontos. Celébrase cada 20 de marzo, coincidindo co equinoccio de primavera. A festividade tivo a súa orixe en Suecia no ano 1991 e, aos poucos, fóronse engadindo outros países.
- CRÉDITOS | Manifesto: Antonio Reigosa | Deseño do cartel do 20M: Ekinocio.