Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico no Barco

  • 24 produtores de Galicia e Portugal
  • A presentación desta iniciativa, que se celebra hoxe e mañá no Barco, tivo lugar onte no Inorde
  • O Eixo Atlántico, entidade da que forma parte a Deputación de Ourense, promove esta Feira para promocionar e vender produtos tradicionais galegos e portugueses

 

A Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico, Galicia e Norte de Portugal -a segunda feira que se fai en Galicia-, reunirá hoxe e mañá no municipio do Barco, a un total de 24 produtores de ambos territorios cun programa de actividades deseñado para promocionar e vender produtos tradicionais galegos e portugueses. A presentación desta iniciativa tivo lugar hoxe no Inorde, acto no que participou a xerente do Inorde, Emma González; o secretario xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao; o alcalde e o concelleiro de Turismo e Promoción Económica do municipio do Barco de Valdeorras, Alfredo García e Eladio Santos, respectivamente.

A xerente do Inorde dixo que esta iniciativa era “o escaparate perfecto para que os nosos produtores poidan promocionar e achegar a numerosos visitantes o seu traballo” e agradeceu o traballo que realiza o Eixo Atlántico con estas actividades que “supoñen un pulo importante para dinamizar económica e socialmente os nosos territorios”. Así mesmo, Emma González lembrou que o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, é o presidente do Foro Termal do Eixo Atlántico, unha rede de colaboración creada baixo a coordinación do Eixo Atlántico, o lobby de cooperación transfronteiriza máis importante entre España e Portugal, integrado por 39 entidades que representan a provincias, concellos e cámaras municipais de ámbolos dous países.

 

Xoán Vázquez Mao destacou o “afortunada” que foi a entrada da Deputación de Ourense no Eixo Atlántico porque “nos permite traballar conxuntamente no reforzo dos territorios do interior” e explicou que unha das liñas de traballo máis importantes do Eixo é a comercialización e o apoio aos produtores, por elo “facemos dúas Feiras anuais: unha sempre con sede permanente na provincia de Ourense, no municipio do Barco, e outra que rota polas nosas cidades (este ano foi en Lugo)”.

Esta Feira, que comeza mañá sábado no Barco, “ofrece aos visitantes a oportunidade de adquirir produtos de Galicia e Portugal que non poden comprar en ningunha gran superficie”, sinalou o secretario xeral do Eixo Atlántico, quen destacou o traballo que realiza esta entidade para fixar poboación no interior e combater a crise demográfica.

Na feira daranse cita 24 produtores de Galicia e do norte de Portugal “ofrecendo unha gran variedade de produtos como viños, conservas, mel, bicas, aceite, queixos, licores e embutidos”, dixo o alcalde do Barco, quen animou á veciñanza ourensá a achegarse ao municipio este fin de semana “para coñecer estes produtos elaborados artesanalmente por produtores que demostran que o futuro de Galicia pasa por aproveitar as bondades que nos ofrece o territorio, volvendo non só a vivir ao rural, senón tamén a vivir del”.

O acto de apertura da Feira terá lugar hoxe sábado, 11 de setembro, ás 11.00 horas, no propio recinto feiral (Paseo do Malecón) e coa presenza das autoridades locais do municipio do Barco. O horario de apertura do recinto é de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 21.00 horas.

Actividades complementarias

Como actividades complementarias á propia Feira, programáronse dúas sesións de “Catas no Sil” con viños de Valdeorras e maridaxe con produtos tradicionais do Eixo Atlántico. Para participar nas catas é preciso inscribirse previamente, sendo o aforo máximo en cada unha delas de 20 persoas. O sábado, 11 de setembro, ás 20.00 horas, a sumiller Mercedes González dirixirá a cata bautizada «Crepúsculo», mentres que, o domingo, 12 de setembro, ás 12.30 horas, celebrarse baixo o título «Unha ronda caprichosa». As inscricións realizaranse a través do correo: infoturismo@concellodobarco.org, e o prezo da cata é de 5 euros por persoa que serán abonados na entrada da actividade.

Durante os dous días de celebración da feira levarase a cabo un obradoiro gratuíto de pirograbado en madeira. A actividade terá lugar o sábado e o domingo, de 11.00 a 14.00  horas e de 17.00 a 20.00 horas. O obradoiro é gratuíto para o público infantil e adulto e será impartido polos artesáns locais de Artesanía Enxebre. Os nenos e nenas deberán estar acompañados dun adulto e deberán inscribirse previamente no correo infoturismo@concellodobarco.org para facer a reserva de praza. Os horarios que queden repartiranse durante o desenvolvemento da propia feira.

Así mesmo, nas últimas horas do 11 e o 12 de setembro, de 20.00 a 21.00 horas, farase unha demostración do oficio para que os visitantes vexan  en directo como se realizan as pezas pirograbadas, mentres visitan a feira.

También te podría gustar...