Feijóo visita as obras de ampliación do Hospital Público de Ourense

image_gallery

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou onte que as obras de ampliación do Hospital Público de Ourense, dotarán este centro dun 15% máis de camas e o converterán en “centro de demostración do hospital do futuro”.

Logo de avanzar que esta ampliación será unha realidade no segundo semestre de 2016, o responsable do Goberno galego subliñou que detrás desta obra hai un investimento de 41 millóns e un compromiso de mellor servizo, que se está a cumprir xa desde a primeira fase que afecta o bloque de hospitalización e que permitirá: concentrar todas as unidades –un total de 14- nun único edificio fronte aos tres actuais, ben comunicado coas áreas de urxencias, consultas, probas diagnósticas e quirófanos; incrementar o número de camas nun 15% -ata chegar ás 930-; lograr que o 60% das novas habitacións sexan individuais; “e, en definitiva, comezar a mellorar de forma substancial a atención, obxectivo que completaremos nunha segunda fase que actuará sobre as áreas de consultas e servizos centrais”, asegurou.

Ourense, centro de demostración do hospital do futuro
Durante a súa intervención, Feijóo incidiu tamén no compromiso de converter Ourense no centro de demostración do hospital do futuro, comezando desde aquí a maioría dos proxectos que se desenvolverán ao abeiro do Hospital 2050 e do Innova Saúde.

“O obxectivo é prepararnos ante os retos do futuro como o avellentamento da poboación”, dixo, logo de salientar que esta ampliación permitirá incorporar os equipamentos e as prestacións máis innovadoras que farán posible: que os cidadáns dispoñan de habitacións intelixentes, á vangarda tecnolóxica; que conten cuns servizos de urxencias completamente informatizados, mellorando así a asistencia e reducindo esperas; que conten cun hospital autosustentable, que autoxere a enerxía que consume con fontes renovables; e que teñan á súa disposición consultas móbiles de atención domiciliaria, que facilitarán especialmente a asistencia das persoas maiores de 65 anos.

También te podría gustar...