Feijóo pon en valor o labor dos 400 viticultores e 24 industrias da D.O. Monterrei na inauguración da súa Feira do Viño
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, puxo en valor o labor dos 400 viticultores e 24 industrias da Denominación de Orixe Monterrei por lograr incrementar nun 450 por cento a produción deste viño entre 2005 e 2014 e por darlle pulo á súa exportación, que o pasado ano foi un 17 por superior á de 2013.
Con respecto a isto, Feijóo subliñou que precisamente nese punto radica o segredo do éxito: en entender que o importante no mundo do viño non se reduce exclusivamente a producir, senón tamén a saber vender.
Así o expresaba o titular da Xunta esta tarde en Verín, onde participou, acompañado pola directora de Turismo, Nava Castro, na X Feira do Viño da D.O. Monterrei e no acto de imposición das Medallas da Confraría de Amigos do Viño.
Alí, o mandatario galego amosouse convencido de que os viños de Monterrei teñen capacidades plenas para competir no mercado debido á singularidade da comarca, que conta con condicións climáticas similares ás de La Rioja; ao bo facer de bodegueiros e viticultores; e tamén porque son quen de facerse cada vez con máis cofrades que os defendan, como os que se sumaron este ano: Isabel Alonso, Manuel Villanueva, a Asociación de Sumilleres de Galicia e Fernando Castro.
Así mesmo, o presidente da Xunta lembrou que, aínda que Monterrei é a Denominación de Orixe máis recente de Galicia –naceu en 1992-, o seu prestixio é senlleiro, posto conta cunha traxectoria de séculos e un renome recoñecido polos grandes gurús do sector.
Por outra banda, Feijóo aproveitou para renovar o compromiso da Xunta para seguir defendendo este modelo de viño de Monterrei e para colaborar co fin de implantar o enoturismo como alternativa para a dinamización turística e económica da zona e para a diversificación de mercados.