Feijóo garante o apoio da Xunta para que a aposta pola calidade que está a realizar o sector vitivinícola galego vaia parella a unha maior presenza nos mercados internacionais
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, garantiu hoxe o apoio da Xunta para que a aposta pola calidade que está a realizar o sector vitivinícola de Galicia vaia parella a unha maior presenza nos mercados internacionais. Así o manifestou esta tarde na inauguración da ampliación da adega ‘Crego e Monaguillo’, adscrita á D.O. Monterrei.
O mandatario galego asegurou que a Xunta permanece ao carón desta industria para prestarlle apoio en tres ámbitos prioritarios: a mellora dos procesos de produción, a promoción e a comercialización. E, por iso, apuntou que desde 2002 leva achegado ao Consello Regulador da D.O. Monterrei preto de 1,2 millóns de euros en axudas e, concretamente, á adega ‘Crego e Monaguillo’, máis de 753.000 euros desde 2003.
Feijóo puxo esta adega como exemplo da expansión comercial que está a rexistrar a industria do viño en Galicia e, ao respecto, sinalou que logo de doce colleitas, desde a primeira de 2003, conseguiu ampliar a súa superficie ata os 3.700 m²; incrementar a súa capacidade produtiva das 8.000 botellas que acadaron en 2003 ás máis de 500.000 que comercializaron en 2014; e exportar máis do 15 por cento da súa produción a 14 países.
‘Crego e Monaguillo’ é, dixo, unha peza máis que ten contribuído á progresión da D.O. Monterrei, á que pertencen actualmente 24 industrias e 384 viticultores. Apuntou, ademais, que abrangue 463 hectáreas que o pasado ano produciron máis de 2,8 millóns de quilos de uva, cun valor económico estimado de 9,4 millóns de euros.
Unha D.O. que buscar equiparar calidade e internacionalización
Segundo indicou, a D.O. Monterrei está a apostar pola internacionalización en igual medida que pola calidade da súa produción. Neste sentido, destacou que o conxunto de industrias que ampara pasou de ter unha produción de 3.600 hectolitros a acadar en 2014 máis de 19.800. E, ademais, entre 2013 e 2014 aumentou as exportacións preto dun 50%, polo que as vendas no exterior xa supoñen case unha quinta parte do total (un 17 por cento).
Feijóo salientou que desde a campaña 2007-2008 ata a de 2014 o peso das exportacións no conxunto do sector medrou un 43 por cento, o que levou ás mesas de medio mundo os caldos que abandeira esta terra, dixo. E ao fío disto, subliñou que se trata dunha industria que enriquece, tamén, o valor turístico de Galicia.
O titular da Xunta concluíu asegurando que a industria galega do viño pode apuntar máis lonxe se coida minuciosamente a calidade da produción, porque só así poderá competir nos mercados internacionais máis exixentes e satisfacer os gustos do consumidor.