Feijóo considera incrible que a empresa que explota a AP-9 ‘provoque os atascos’
Feijóo considera incrible que a empresa que explota a AP-9 ‘provoque os atascos’.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, mostrouse sorprendido polo feito de que Audasa, a compañía que explota a AP-9, sexa responsable directa das colas estivais, xa que «nos sorprende que a empresa» provoque os atascos «ao habilitar escasas cabinas de peaxe».
Unha situación, manifestou na comparecencia posterior á reunión semanal do Consello, que se agrava nas xornadas en que se sabe de antemán que a demanda aumenta, sobre todo a horas concretas, e isto é algo «que non podemos aceptar» nin como goberno nin tampouco como cidadáns.
Así, lembrou que os servizos de Consumo da Xunta están a disposición de todos para tramitar «calquera denuncia» e dixo que a AP-9 é, entre estas infraestruturas, unha «das máis caras de España» e isto require un servizo de acordo ás condicións que esixe un pagamento que, en todo o caso, entende aínda como excesivo.
E o que ocorre é que «de cando en vez esas condicións non se producen» nesta autoestrada que depende do Ministerio de Fomento e todos «comprendemos que pode haber retencións de tránsito, mais o que non entendemos é que se produzan pola propia actitude da empresa que as ten que solucionar».
Núñez Feijóo aproveitou para lembrar que o Goberno galego defende unha política de peaxes homoxénea no conxunto do Estado.