Faladoiros literarios para os máis novos

  • Deputación e Concello de Ourense organizan faladoiros literarios para os máis novos
Deputación e Concello de Ourense organizan faladoiros literarios para os máis novos

Deputación e Concello de Ourense organizan faladoiros literarios para os máis novos

 

A Deputación de Ourense e o Concello de Ourense organizan conxuntamente uns faladoiros literarios nos que participarán 130 rapaces de 8 centros escolares da provincia, os días 25 e 26 de maio. A presentación desta iniciativa cultural tivo lugar onte no Salón de Plenos do Concello de Ourense, onde participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o asesor de Cultura da Deputación, Aurelio Gómez Villar; e a concelleira de Educación, Belén Iglesias.

Por medio da lectura de O derradeiro libro de Emma Olsen, da autora Berta Dávila, escollido por un comité de 14 profesores, os alumnos irán pasando polo Liceo de Ourense creando grupos de debate e de discusión.

Manuel Doval destacou durante a presentación a importancia deste tipo de actividades para «fomentar a paixón pola lectura entre os máis cativos así como, para que adquiran un pensamento crítico», e engadiu, é necesario inculcarlles «que os libros formen parte da súa vida». Pola súa banda, Belén Iglesias dixo que o obxectivo é «fomentar a compresión lectora, a expresión e a alocución verbal, e o pensamento crítico e reflexivo».

Na xornada do mércores, 25 de maio, participarán os alumnos do IES Ferro Couselo, IES O Couto, IES Xulio Prieto Nespereira e IES Lagoa de Antela, mentres que o xoves, 26 de maio será a quenda para o alumnado do IES O Ribeiro, IES San Mamede, IES Allariz, IES Cidade de Antioquía. Asemade, nesta xornada tamén participará a autora do libro, Berta Dávila.

También te podría gustar...