Facenda reduce de 10 a 5 millóns a débeda da Deputación de Ourense ao aceptar a petición de compensación proposta por Manuel Baltar
Facenda reduce de 10 a 5 millóns a débeda da Deputación de Ourense ao aceptar a petición de compensación proposta por Manuel Baltar.
O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas ven de comunicar á Deputación de Ourense a compensación económica que levará a efecto e que reducirá de 10 a 5 millóns de euros a cantidade que a institución provincial ten que reintegrar ao ministerio polas irregularidades detectadas nos proxectos Daredo e Deputráns. Desta maneira, Facenda acepta a petición plantexada polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, segundo a cal se compensan as débedas entre ámbalas dúas administracións, quedando pendente de pago un total de 5.198.454 euros por parte da Deputación, aproximadamente a metade do solicitado inicialmente, que ascendía a 10.123.053 euros.
Esta resolución ten a súa razón de ser en que o Ministerio de Facenda debe dende o ano 2007 un total de 4.924.599 euros á Deputación de Ourense, importes retidos en operacións dentro do Programa Operativo FEDER Rexional Galicia 2007-2013 que, a data de hoxe, non foron aboados á institución provincial. Por elo, ante a solicitude de compensación proposta pola Deputación de Ourense o ministerio, por medio dun escrito asinado polo director xeral de Fondos Comunitarios, José María Piñeiro, acepta realizar a dita compensación que terá que ser referendada pola Deputación nun prazo de 15 días, polo que o reintegro neto pasaría a ser de 5.198.454 euros.
Manuel Baltar valora moi positivamente esta decisión do Ministerio de Facenda por terse atendido a súa petición de levar a cabo a compensación de débedas, “pois non fago máis que cumprir coa miña obriga de defender os intereses provinciais”, e lembra que, a maiores diso, “a Deputación de Ourense ten plantexado ante a xurisdición contencioso-administrativa a medida cautelar de suspensión da obriga de pagamento por parte da institución provincial, procedemento que está aínda pendente de resolverse”.