Exposición «Peón, non atraveses a túa vida»
- A Deputación de Ourense colabora na exposición do concurso fotográfico sobre Seguridade Viaria
- O evento organizado anualmente pola Asociación «Stop Accidentes», contou nesta sétima edición, con máis de 180 participantes
A Deputación de Ourense colabora na exposición do concurso fotográfico sobre Seguridade Viaria que organiza anualmente a Asociación «Stop Accidentes» a nivel nacional co fin de promover na cidadanía unha reflexión visual sobre a mobilidade do peón no ámbito urbano e interurbano, así como nos núcleos rurais. Nesta sétima edición reuniu, baixo o lema «Peón, non atraveses a túa vida», a máis de 180 participantes das que o xurado determinou as 20 láminas fotográficas que se expoñerán. A presentación deste evento tivo lugar onte no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a subxefa provincial de tráfico, Andrea Conde; a coordinadora de Educación Viaria, Dosinda Aguiar; e os membros da asociación «Stop Accidentes Ourense», Benito Bouzada e Daniel Pousada.
«Trátase dunha mostra de carácter itinerante que percorre varias Comunidades Autónomas da nosa xeografía. Os participantes do concurso deben realizar unha reportaxe fotográfica que invite a reflexionar acerca das causas e das consecuencias dos atropelos a peóns, co fin de promover unha nova cultura da Seguridade Viaria, para contribuír á redución dos índices de siniestralidade», destacou Rosendo Fernández. A Deputación de Ourense colabora con esta iniciativa «co fin de reflexionar e concienciar á xente deste grave problema», asegurou o vicepresidente da Deputación de Ourense.
Benito Bouzada dixo que este concurso premia «a orixinalidade artística, a mensaxe de concienciación sobre eses hábitos ou condutas de risco que fan que cada día se eleve o número de atropelos», e engadiu, «o obxectivo da exposición é impulsar, a través da fotografía como forma de expresión social, a problemática viaria dos atropelos a peóns, así como xerar un espazo de reflexión a través das imaxes que permita o intercambio e a difusión entre un gran número de persoas».
Pola súa banda, Daniel Pousada explicou o perfil do atropelado en Galicia que en vías interubanas responde «a unha persoa maior de 65 anos con roupa escura, que camiña en horas de pouca luz e non fai uso do chaleco. En vías urbanas, trátase de persoas tamén de avanzada idade que, polas súas patoloxías, teñen reducións físicas, visuais ou auditivas». Así mesmo, Daniel Pousada destacou que cada vez «son máis os casos que suceden co perfil de peón tecnolóxico, quen sufre un atropelo por estar pendente do teléfono», e animou ás cidades a «inverter en infraestruturas e no mantemento dos pasos de peóns, para evitar moitos accidentes».
A subxefa provincial de tráfico destacou que «en Galicia e, sobre todo en Ourense, temos un gran problema coa accidentalidade peatonal por iso, esta exposición nos parece de máxima actualidade e esperamos que sexa moi visitada e que chegue á conciencia dada a importancia que ten a seguridade viaria nas nosas vidas». Asemade, Andrea Conde lembrou que desde a xefatura de tráfico se leva a cabo «a iniciativa «Házte ver», a través da cal se repartiron chalecos nas vías interurbanas».
A mostra «Peón, non atraveses a túa vida», estará exposta desde o 16 de decembro ao 4 de xaneiro no Auditorio Municipal «por ser un lugar de paso e para que se acheguen os peóns ata este lugar, ao que prevemos levar tamén visitas de colexios», dixo Benito Bouzada.